O CGAC e as rúas (I)

CGAC_1-1Pilar Sampedro. Nesa parede da rúa Concheiros de Compostela, na que se proxectaban frases que se fixeron famosas ao longo do confinamento, pola creatividade que zumegaban, houbo unha referida a este centro de arte; dicía así: “Están as rúas coma o CGAC”.

Era certo, determinadas actuacións, en certos momentos, fixeron que a cidadanía non se achegase a este edificio (nin sequera para coñecelo) e que aquela que se fora acostumando a ir, deixase de facelo no tempo no que o tipo de exposicións o afastou máis da poboación. Sempre é difícil esa proximidade entre a arte contemporánea e a xente do común, resulta espiñenta esa relación na que a obra é conceptual e o que se ha de apreciar é a idea, un discurso arduo que ha de ser explicado ou precisa de lecturas anteriores (e non poucas); por iso, as exposicións máis valoradas son aquelas onde o/a artista ou comisario/a consegue transmitir algo a través dos sentidos, directamente, sen ter que pasar pola mente espesa.

Sempre hai xente contenta co propósito de pertencer a unha elite intelectual, que comprende determinadas correntes diferenciándose dos demais que quedan fóra. E sempre hai outra que pretende que, xa que todos e todas pagamos o investimento en cultura, tratemos de aproximar os seus produtos ao común da sociedade, non rebaixándolle o nivel, senón acompañando o proceso de entrada a un museo ou biblioteca, de lectura dun libro, da escoita dunha música, do goce dunha conversa…

Por iso, queremos convidar a visitar as exposicións que neste momento ocupan o CGAC, porque poden aproximarnos a esta arte e a artistas relacionados con Galicia.

Tres artistas, tres homes relacionados con nós.

Crebas de Francesc Torres, catalán de nacemento e residente en Nova York, vinculado a Galicia polas tempadas pasadas na Costa da Morte, especificamente Carnota. El é un referente da instalación a través da que analiza e interpreta os feitos do século XX e XXI.

Museo (do ermitán) Man. Manfred Gnädinger, coñecido por Man (o de Camelle)

que nacera en Radolfzell en 1936 e morreu en Camariñas en 2002, no infausto ano do Prestige.

Caosmos de Antón Patiño. O artista nado en Monforte en 1957, mostra a súa traxectoria ao longo das diferentes etapas, dende a fundación de Atlántica ata a actualidade. Antón Patiño é tamén un teórico da arte, un home que escribe ensaio sobre teoría da arte e da imaxe, literatura e pensamento. Un creador poliédrico

Agora que ocupamos as rúas con xente (aínda que sexa enmascarada) enchamos o CGAC de vida nun momento en que mira a creación galega e relacionada co país, nun tempo no que aínda dubidamos se entrar ou non aos locais pechados… Será cuestión de ver se os da Unitaria poden proxectar un novo lema: “Está o CGAC coma as rúas”. A verdade é que está a merecelo, despois de sufrir por ser tratado tal como un servizo da administración sen máis, ou de ver como os seus orzamentos subían polo Gaiás arriba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *