Museo (do ermitán) Man.

MAN_CGAC-40Pilar Sampedro. Camelle era un lugar fermoso e recóndito da Costa da Morte. Ata aí chegou un alemán extravagante que fixo para si unha cabana na beira do mar e intervencións pola zona. Man de Home ou de Manfred, vestía un taparrabos, deixaba ver o seu museo a cambio dunha moedas e a participación do espectador no caderniño que lle entregaba. Aí permaneceu anos sen conta ata que o Prestige emborcou o seu veleno no mar e tintou de loito o seu mundo. Daquela, Man morreu como un símbolo do desamparo no que o capitalismo voraz deixara ao mar e os políticos nos fixeran a todos/as.

Apenas falaba a nosa lingua, non sabemos se nos respectaba máis alá de considerarnos os nativos indispensables do lugar que escolleu para permanecer: un espazo salvaxe no que as forzas da natureza semellaban mandar. A veciñanza coidou del, na medida do posible, pois igual que os visitantes, considerábano un excéntrico e nas aldeas sempre houbo un tolo adoptado pola comunidade.

Agora, pasado o tempo, estudadas as súas creacións, creado o novo museo coas súas obras (despois de que a súa casa quedara convertida nunha ruína), vistas estas coa mirada da arte contemporánea, comézase a recoñecer a “verdadeira dimensión artística da súa vida e obra”. Así, é considerado “un creador polivalente que desenvolveu o conxunto do seu labor en Camelle (Camariñas), totalmente apartado do sistema artístico. Ao longo da súa vida dedicouse a integrar obxectos que o mar lle traía no contorno do seu xardín pétreo, formando esculturas e conxuntos artísticos en constante evolución que lle deron forma ao seu museo.” Dise que foi “ao acceder ao interior da súa casa para recuperar os seus bens cando se puido comprobar a verdadeira magnitude creativa do artista”. Entran pois as teóricas da arte e comezan a falar de proxecto museográfico totalmente innovador no que se plasman conceptos actuais sobre xestión, difusión e divulgación museística, dunha sistematización que compendia en 606 fotografías, debuxos e escritos que reciben o nome de Museum vom Einsiedler Man. Camelle (La Coruña). Spanien, no que se recolle a esencia da súa creación artística. Dende a marxinalidade e a distancia á formación académica, na soedade e coa intuición, traballa na natureza, intervindo sobre as rochas, construíndo, recollendo, pintando, actuando sobre os restos de plástico e demais residuos, repetindo a súa figura no cemento ou no debuxo, creando o seu propio mundo tanto no imaxinario como na realidade, musealizando e deixando un legado que foi recollido e estudado para mostralo como un verdadeiro artista contemporáneo no sentido total do termo. Círculos, a luz e a sombra co reflexo, os autorretratos, a repetición continua; as libretiñas que recollen o paso dos miles de visitantes. Obsesións e conceptualización dun proxecto museístico. Creación de beleza apoiándose na natureza ou nas crebas que trae o mar.

Austeridade e amontoamento, primitivo e adiantado. Icona ecolóxica. Artista contemporáneo. Un diálogo entre o rural crúo da costa da Morte e a idea filla da Ilustración. Dende 1961 ata 2002, unha experiencia vital que deixa pegada co nome de Camelle e Man, Home de Camelle.

Un comentario en “Museo (do ermitán) Man.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>