A arte do refugallo

chapuzas2Francisco Ant. Vidal Blanco. E quen non quixo amañar algún electrodoméstico avariado antes de chamar ó técnico? Quen non converteu un bidón en desuso en fogón de barbacoa? A quen non lle sobraron pezas despois de chafallar nun aparello e, milagrosamente, funcionou? Esa frase de “primeiro bótolle unha ollada e despois xa veremos”, forma parte da idiosincrasia do enxeñeiro que todos levamos dentro; e que felices quedamos despois de furgar e gastar cinta illante e cola cando o aparello furrula. O malo é se despois de andarlle nas tripas o enfermo acaba máis grave do que estaba e vai parar á sala de operacións do servizo técnico, para que nolo devolvan con rostro compunxido, como se saíse dunha operación a corazón aberto, ó tempo que nos estenden a factura: “Esta peza é moi raro que falle, pero desta vez tivemos que pedila á fábrica”.

A chapuza debería ser unha das materias máis importantes na carreira dos enxeñeiros, porque cando non aporta unha solución a baixo custo, dálle ós técnicos a oportunidade de lucirse, e sen embargo nin se contempla como unha “maría” tendo como ten méritos suficientes para ser valorala en igualdade có cálculo infinitesimal ou a tecnoloxía electromecánica. Como en tantas cousas da vida, aínda en asuntos de demostrada necesidade, hai materias cultas e vulgares, as primeiras estúdanse e as segundas apréndense.

Neste país, onde a necesidade agudiza os miolos, onde as cunchas da vieira foron sempre os cinceiros dos bares, pero tamén, moito antes da chegada da electricidade, palmatorias que iluminaban tanto nos cuartos dos enfermos como os dos amantes despois de comerlle o saboroso miolo, nunca nada foi finiquitado por inútil. Incluso, esta mesma cuncha serviu de cunca, como reza o refrán recollido polo etnolinguista don Federico Zamora Mosquera, “Os de Palmeira beben o viño pola cuncha da aviñeira”, mentres que a tapa de tal molusco, os ghaleses, foron en todas as nosas rías o mellor e máis eficaz medio de protección contra a humidade, revestindo as nosas casas polo pinche de suroeste contra os vendavais.

chapuzas1Este periódico dedica un espazo a amosar esas enxeñosas obras de reciclaxe que os nosos paisanos acostuman a facer, xa sexa con somieres que, cando perden a elasticidade, son usados como porta de finca, como coas tapas do forno dunha cociña bilbaína convertidas en caixas do correo. Iso é verdadeiro anticonsumismo, alta capacidade de reutilización, verdadeiras obras de enxeñería cando non de artistas consumados, dignas de estar nunha galería expostas como obras de arte ou tecnoloxía.

A todo isto, había que empezar por distinguir entre chapuza, enxeño e reciclaxe, pero como queira que sexa, todo entra no campo da habilidade creativa, aínda que lle demos un significado máis ou menos pexorativo segundo quen sexa o autor. Á fin, se un artista, recolle ferranchos e outros elementos do caldeiro do lixo e arma con eles unha figura, estamos ante o que os entendidos chaman arte Povera, cuxos principios, tales como a banalización do luxo e a denuncia do consumismo xa se lles ocorreu antes ós nosos paisanos, pero facendo obras de utilidade. Así é que, no noso parladoiro dos xoves, ó amigo Afonso, decidido defensor deste tipo de amaños, desta adaptación dos vellos elementos a un novo uso, aconsellounos chamarlle a “Tecnoarte do refugallo”. Só hai que ver esas mostras de reciclaxe que tantas veces nos sorprenden para apreciar as altas cotas de enxeño de que facemos gala.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>