O muro da idade

Little boy looking through the wallMarina Losada Vicente. Díxenlle que vale, que lle collería unhas amoras que medraban detrás dun vello e derruído muro de pedra. O resorte do si abriu a espicha dunha vitalidade antiga. Afinquei as dúas mans no muro. Apoiei un xeonllo. Sen pensalo, dei un impulso co pé da outra perna para subir o corpo. Agora a catro patas, maldicindo a artrose nos xeonllos, tocaba erguerse. Acadado o estado  vertical, e a pesar de que unha das pedras abaneou debaixo dos meus pés, sentinme moza. A man esquerda no muro e a dereita a un suspiro da silveira. Cunha pequena inclinación do espiñazo, apenas nada, e botando o peso do corpo cara adiante, apañaría unha manchea de amoras. As posibilidades de perder o equilibrio e caer na silveira serían como moito de unha entre un milleiro, calculei. De peores atrancos tiña eu saído. Alentei.

Mirei o neto, sentado ao outro lado do camiño, que parecía gorentar na súa pequena boca a froita pola que levaba meses suspirando, farto de tanta amora aínda vermella.

Pasei o peso do corpo á perna de atrás, ata acadar de novo o equilibrio. Púxenme de crequenas, sentindo renxer as articulacións. Botei a man destra ao chan, apuntalando o corpo. Coa outra, agarrei unha ponla que prendera entre as pedras. Sentei o cu. Afinqueime nas mans e deixei escorregar o peso das pernas polo muro, ata que tocaron o chan. Agradecín que cada músculo volvera a acomodarse na estrutura ósea dunha muller de sesenta e dous anos. Tamén os da cara, que empezaron a relaxarse.

A imaxe do neto desamparado, véndome desaparecer detrás do muro, sen acougo, nunha corredoira que pronto cegaría a noite, que se me figurou enriba do muro, e que me fixo pensar en recuar, volveu sacudirme toda.

-Non te preocupes, avoa. Sen amoras, mamá non nos vai poder berrar por luxar a roupa.

2 comentarios en “O muro da idade

  1. Teño unha amiga que sostén que os dous anos que me leva son unha inmensidade. E pode ser. Nos dous últimos tiven que mudar moitos hábitos. E os que manteño, lévanme o dobre de tempo. Non só o corpo -espazo físico-, tamén a mente (espazo intelectual). A disminución de capacidades é notable. Son moito máis capaz de ver as perdas que de ver as ganancias da idade. Todo se fai máis tardeiro e non parece que se gane en paciencia, senon en resignación. No que dis da variña para coller amoras, Magdalena, fíxenme unha hai tempo. Pero a idade fai que a esqueza na casa a maioría das veces. Bicos

  2. “O Muro da idade”, bo título para unha boa entrada.

    O tránsito da xuventude, Marina, o tránsito da xuventude. Pero, a protagonista da historia con eses anos, non ten dereito a queixarse; cando teña unha década máis enriba do lombo, xa comprobará que aquelas tarefas rutinarias e sinxelas doutro tempo, tórnanse máis costa arriba. A natureza impón a sua lei e é moi difícil sustraerse a sua chamada.
    Xa te ensinarei os garfios que me fai J.M con unha variña e unha alcaiata para coller as amoras cando vou con Emma; son eficacísimos, non te pinchas e sirven de axtensores.
    Unha aperta, querida Marina.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>