Nada é gratis (2)

BO31C6F2_193648Xulio Gutiérrez. Ben sei que o reproche «xa volo dixemos», alén de amosar prepotencia, afástase dos principios modernos da intelixencia emocional, a empatía e outras gaitas paulocoelhistas. Pero o certo é que a ciencia vén advertindo desde hai décadas que os desmesurados impactos que estamos a provocar nos ecosistemas non nos van saír gratis.A nosa inmensa capacidade de modificar o ecosistema fíxonos como somos, para o bo e para o malo.

Nos ecosistemas primixenios, a alta biodiversidade tamén comprendía unha alta diversidade de patóxenos; pero a fragmentación das poboacións humanas e a baixa mobilidade reducía o risco de transmisión.

Centrándonos en Galicia, a situación ecosistémica é a inversa da orixinal. Literalmente, non queda un só centímetro cadrado libre da acción humana. O que comunmente chamamos bosques non son tales senón plantacións forestais de baixa biodiversidade e os nosos marabillosos «espazos naturais» son, en realidade, parques temáticos da natureza atravesados por unha ampla rede de sendeiros e sometidos a un estrés brutal. En Europa e outros países desenvolvidos pasa algo semellante.

Para completar o cóctel, engadimos un chorriño de globalización, unha cullerada de mobilidade intercontinental e unhas pingas de inconsciencia mesturada con imprevisión, et voilà! A pandemia está servida.

Animais estresados, procedentes de ecosistemas alterados, de lugares nos que as probabilidades de que aparecesen patóxenos por mutación eran altas, entran en contacto con animais maltratados que viven en condicións pouco salubres, sometidos a un nivel de estrés moi alto. Estes pobres animais teñen unha carga vírica elevada, e as probabilidades de que o virus choute a un humano son enormes.

Efecto beira

Neste escenario de baixa biodiversidade cobra importancia o «efecto beira». Nos ecosistemas naturais, os virus chimpan cunha certa frecuencia dunhas especies a outras e raramente entran en contacto con animais domésticos nin con humanos. O virus está controlado. Cando os ecosistemas se reducen e fragmentan, aumentan os contactos (nas beiras dos ecosistemas) entre animais domésticos e silvestres, aumentando a probabilidade de salto viral aos humanos.

Non é cousa de culpar os morcegos ou os pangolíns. A raíz está en nós. Alén das teorías conspiranoicas, o salto dos virus dunhas especies a outras é algo consubstancial aos propios virus. E o paso das especies silvestres ás domésticas e á especie humana é un fenómeno tan antigo como a mesma humanidade. Febres tifoides, sarampelo, poliomielite, cólera, difteria, peste negra… e máis recentemente sida, ébola, MERS e SARS.

E sabemos cando estas doenzas infectocontaxiosas se converten en pragas, ou pandemias, como dicimos hoxe? Pois si, claro que si. Nos últimos anos, os científicos identificaron uns 30 novos microorganismos perigosos. Uns son vellos coñecidos que aparecen en novas formas máis infecciosas e outros son completamente novos.

E non avisaron de que isto podía pasar? Podería repetirse con outro virus distinto? Podería ser máis mortífero que o SARS-Cov2? As respostas volven ser si, si e si.

A mellor vacina

O mellor método (quizais o único) para evitar as pandemias emerxentes é mantermos os ecosistemas en boas condicións e cunha alta biodiversidade. Con capacidade para diluír a carga vírica. Esta é a mellor vacina fronte ás zoonoses. En resumo: a máis especies de animais salvaxes, menos virus. Os ecosistemas sans son unha vacina natural que controla os virus antes de que se convertan en pandémicos. Porque as vacinas de laboratorio, sendo moi boas, non son máis que solucións reactivas, despois de terse producido a pandemia. Por iso necesitamos solucións proactivas.

E que máis poderiamos dicir sobre a pandemia nestes tempos en que todo opinador profesional, amateur ou mediopensionista pretende saber máis de epidemioloxía que os científicos? Só, quizais, e parafraseando o mestre Borges, que «os humanos non somos bos nin malos, senón, simplemente, incorrixibles».

Un comentario en “Nada é gratis (2)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *