Só unha hora, recordos en tren de Ignacio Castro sobre Isaac Díaz Pardo

220px-DiazPardo_Isaac_en_CastroIgnacio Castro Rey. Unha tarde de hai facilmente corenta anos. Probablemente máis. Un compartimento daqueles trens de antes, divididos, angostos, con portas que o separan do corredor. Distintos pasaxeiros que non nos coñecemos compartimos en silencio o pequeno traxecto, non tan pequeno, entre A Coruña e Santiago. Aburrimento, choiva, paradas, traqueteo, paisaxes rachadas. Miradas cruzadas e algunhas palabras corteses, as xustas, de cumprido. Cada un de nós vai sumido nos seus pensamentos propios, coa típica atención flotante propia dunha viaxe.

Aos poucos faise notar no vagón un personaxe, un home maduro que empeza a destacar no grupo, diante da paisaxe que circula. Aínda non moi entrado en anos, este home é enxoito e enérxico. Apaixonado, falador, convencido, aínda que cun punto de empatía e calor que non ofende. Axiña está a falar sen parar cunha moza que manifesta un interese crecente polas súas palabras, mentres el explica con vehemencia as súas múltiples ideas sobre a vida, a morte, a política, a arte, a historia de Galicia e algunhas das súas figuras públicas. Pero a vida, sobre todo a vida é o seu tema. Pasaron décadas e aínda se conserva viva esa franqueza, propia dos seres humanos que viviron intensamente.

Chama a atención o interese animado da moza e, sobre todo, a autoridade desenvolta coa que este home de mundo se expresa, sen abandonar nunca certa ironía e un bo sentido do humor. Coma se pasase por moitos sitios e vivido moitas cousas, moi por encima da súa idade, este home adulto debulla o seu saber e as súas conviccións, rompendo o tedio da tarde.

Non recordo nin unha soa das súas moitas afirmacións, pero si o halo daquela sabedoría, expresada ademais con soltura e fervor. Pasaron moitos anos e mantense viva na memoria esa impresión de espontaneidade, enerxía e paixón. Este home descoñecido manifesta unha enorme elocuencia, aínda que días máis tarde algúns comprobamos que se trataba de Isaac Díaz Pardo.

Un impresionante saber acumulado e unha libre capacidade para expresalo. Daquel home delgado agromaba a riqueza de pensamento, a vigorosa variedade de quen ten de fondo unha soa idea, unha soa experiencia. E ten que obedecela. Coma se a natureza puidese nel máis aínda que a cultura.

Antes e agora a xente cala, inhíbese, pasa polas situacións seguindo a lei dun mínimo esforzo que non lle comprometa en nada. Non el. Este home é doutra pasta. Non ten reparo en dicir o que pensa, sobre múltiples cousas, e dio con tal experiencia que non só a súa interlocutora acaba subxugada, senón que o compartimento enteiro segue con atención a fluidez dun universo para nós novo. O mestre fala convencido pero sen afectación, coma se as súas palabras fosen de calquera e non tivesen maior importancia.

Carpe  diem. Cos anos queda a impresión do compromiso en acto dun só home que esgota o momento, coma se fose o único. Tamén queda o recordo dun saber que nace da intensidade do vivido e desborda calquera disciplina. No deserto daquela tarde, ritmando o vaivén mental da viaxe, un eco de todo o que poderiamos chegar a saber apropiouse dunha hora. Máis tarde sabería que ese era home era alguén, todo un personaxe do debate cultural da época. Pero xa digo, porque algo do afora común falaba nel.

Ignacio Castro Rey. México, 30 de agosto de 2020

2 comentarios en “Só unha hora, recordos en tren de Ignacio Castro sobre Isaac Díaz Pardo

  1. ¡ Qué suerte poder dirigirle la palabra a alguien así y disfrutar de su respuesta !
    Cuando se disfruta de un viaje al lado de personas inabordables en sabiduría. EL precio del billete nos resulta irrisorio; es como para guardarlo en recuerdo del inolvidable e inolvidado personaje.

    Me encanta verte aparecer por aquí -aunque sea esporádicamente – Javier.
    Un abrazo Palmeirán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>