Nada é gratis (I)

Foto: Jesús Suárez Ares

Foto: Jesús Suárez Ares

Xulio Gutiérrez Roger. A moda de amontoar pedras en lugares sobranceiros é un fenómeno aparentemente inocuo feito por persoas anónimas que pretenden facer unha intervención artística colectiva no medio natural. Pero… ten consecuencias. Un montonciño de pedras non fai mal ningún pero a proliferación destes “milladoiros hipster” modifica gravemente os procesos erosivos e perturba significativamente a flora e a fauna local. Como en tantas outras ocasións, unha acción humana aparentemente trivial altera o medio ambiente sen pretendelo.

Os humanos temos unha necesidade atávica de transformar a paisaxe. Forma parte do proceso evolutivo que nos fixo como somos. Unha gran parte do noso éxito como especie consiste precisamente niso. Así puidemos chegar a colonizar ata os hábitat máis hostís do planeta. A transformación das sociedades de cazadores-colectores nómades en sociedades de agricultores sedentarios cambiou radicalmente o modo de vida dos nosos devanceiros. Foi un enorme avance en termos demográficos, tecnolóxicos e culturais.

Pero… tivemos que pagar un alto prezo en termos de saúde individual. Antes, os homes europeos medían de media 176 cm e as mulleres 163 cm. Tiñan unha esperanza de vida de 35 anos e non era infrecuente que moitas persoas chegasen a cumprir 70 anos. Despois de se instalaren en poboados estables, a estatura media baixou 13 cm e a mortalidade aumentou escandalosamente. A esperanza de vida caeu aos 17 anos e non volveu recuperarse ata o século XIX co desenvolvemento da sanidade pública. A dieta fíxose tan monótona, abundante en cereais e escasa en froitas e verduras frescas que a carie –unha infección dental practicamente inexistente antes– aumentou considerablemente tras este cambio de hábitos alimentarios.

Por outra parte, os grupos poboacionais pasaron de 100-300 individuos a miles. Como consecuencia disparouse a incidencia das enfermidades infecto-contaxiosas. As sociedades nómades actuaban como “grupos burbulla” a efectos epidemiolóxicos porque os gromos infecciosos tiñan poucas probabilidades de afectar outros grupos.

Co desenvolvemento das rutas comerciais, os microbios comezaron a estenderse lonxe dos seus lugares de orixe. Son ben coñecidas as tres epidemias de peste negra, a primeira en tempos de Xustiniano (s. IV), a segunda na idade media (entre 1340 e 1400) e a terceira a mediados do século XIX, restrinxida a China, onde está a súa orixe, e ao sueste asiático.

Hoxe, a globalización creou un contexto económico, político e social sen precedentes na historia. Alén de certos problemas que non veñen agora ao caso, os beneficios da globalización son inmensos.

Pero… nada é gratis. O inmenso fluxo de pasaxeiros e mercadorías que circula por todo o orbe posibilita que os patóxenos e os seus vectores poidan desprazarse miles de quilómetros en poucas horas.

Superada a gripe de 1918, parecía que as pandemias eran cousa do pasado. Os antibióticos e as vacinas semellaban instrumentos suficientes para despreocuparnos dos microbios.

Pero… o 5 de xuño de 1981 chegou a sida. Unha epidemia perturbadora que nos obrigou a mirar doutro xeito as enfermidades emerxentes, porque despois viñeron o Ébola, o MERS, o SARS-1 e estes días o SARS-Cov2.

Onde se orixinan estas enfermidades emerxentes e reemerxentes? Por que aparecen? Por que se estenden tan rápido? É posible que veñan outras? Serán máis mortíferas? No próximo artigo intentaremos contestar estas cuestións.

2 comentarios en “Nada é gratis (I)

  1. Canta razón, Xulio!
    Esas pegadas que deixamos na natureza… so analizadas por ti dende a obxectividade científica. Grazas.
    Eu normalmente voulle dando patadiñas para desfacer torres que corresponden a outras civilizacións e máis dunha vez alguén me ten mirado como a quen tira cun calendario de santos cando rematou o ano. Coñecín a unha muller que os gardaba (uns debaixo dos outros na cociña) e sempre pensaba, quen terá a crueldade de cotinuar agasallándollos?
    Pois así andamos, gardando tamén os santos dos demais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>