Doctor Migraña e Chamaquito Pistolas

CHAMAQUITO PISTOLAS E DOCTOR MIGRAÑAMaría Xesús Blanco. BINOMIO MUSICAL. Cando chego á Recoveira, Nando Pérez está sentado nunha mesa que mira á praza. A temperatura é suave e apetece o aperitivo. A Nando gústalle falar, pero tamén escoitar. Necesita a pregunta concreta para dar unha resposta co detalle que ti necesitas oír. De contado chega Carlos. Chamaquito Pistolas e o Doctor Migraña. Nas súas olladas percíbese a complicidade. E a admiración mutua. Nótase que comparten un espazo vital importante. Os dous naceron e estudaron en Ribeira. E os dous fixeron carreiras universitarias relacionadas co ensino. A súa formación como músicos vén do estudo e do entusiasmo. E das experiencias compartidas e a esixencia. A conversa flúe coa calma dun día tranquilo ao mediodía. Coñeceríanse primeiro de vista, como acontece nas cidades pequenas. O primeiro grupo no que coinciden é a Companhía do Ruído. Carlos, guitarra e voz e Nando, clarinete. Comezaría así unha relación musical e de amizade que continuaría ata o día de hoxe. Gravacións de traballos discográficos cos demais compañeiros da banda, como o chamado “Disco Verde”, que leva o nome do grupo, no ano 2005, nos estudios Bonham, na Coruña. Ou festivais inesquecíbeis como o de Barcelona, en Nou Barris, no 2006.

E como non podía ser doutra maneira Carlos seguiría como baixista, nunha nova andaina con Nando, en Chamaquito Pistolas e As balas Perdidas. Varios proxectos musicais e  moitas emocións. A adrenalina bulindo, horas de estrada e moitos concertos xuntos en cidades como Madrid, Santiago, Ourense, Vigo, ou na Sala Real en Aguiño. Grande e espectacular a posta en escena co resto da banda no concerto da Dorna do verán pasado. Tamén n’A Pousada da Galicia Imaxinaria, de Boiro, no Nadal. Aquí mesmo, na Recoveira, en formato acústico. E, como Chamaquito Pistolas e O Doctor Migraña, en diferentes locais de Ribeira, cantando e tocando xuntos. Intercalando temas propios, cada un no seu estilo, co seu ritmo e as súas creacións. Como farán proximamente no Festival Illote o 27, 28 e 29 de marzo, nun concerto in streaming, organizado polo Doctor Migraña, nestes días duros de reclusión forzada. Unha marabillosa nova que acabo de saber agora. Un auténtico pracer.

(Carlos Mariño: ”Tiña forza para emprender o camiño e necesidade de amosar creacións propias”). A conversa con Carlos Mariño flúe coa naturalidade de quen ten moito que contar. É un pracer oílo falar da música coa familiaridade de quen lle bule dentro dende sempre. Escoita e responde con pausa e certa timidez. E, como non pode ser doutro xeito, fía a súa traxectoria dende o inicio. Sinala o pai como o seu referente musical na infancia, a quen lembra compoñendo cancións e tocando a guitarra. Mais o punto de inflexión sería Miguel Ríos, cando asiste a un concerto del na Coruña sendo un adolescente. No instituto férvelle nos dedos as ganas de tocar. E o seu sorriso faise grande ao lembrar as xuntanzas cos amigos para escoitar os Rolling, Burning ou Tequila. E para tocar. Desas reunións en garaxes, en casas particulares, xorde a banda de rock, Os Prestados, a comezos dos 90. “Estabamos Juan, Roberto, logo Pedro, Xani, Chemo, e eu”, explica. “Cantabamos temas escritos por Xani, nos que todos participabamos. E tivemos apoio de bandas de Ribeira, como Hepatitis. Os instrumentos eran prestados, de aí vén o nome.” Ese ruxe ruxe lévao a mergullarse nun novo proxecto musical. No 2003 canta, como convidado, coa banda ribeirense, A Companhía do Ruído, no festival de Pardiñas en Guitiriz, xunto con Paulino e Las Niñas. “Lembro que estaban Tomitón, Nando Llon, David, Alberto e Capitán Chumeiras”. Comezaría unha nova singradura “aprendendo moitísimo e gozando da música como nunca o fixera” e xunto a outros músicos cos que percorrería “festivais de Galicia e de toda España” ata o 2012. Con Nando Pérez iniciaría un periplo, como baixista, en Os Salmóns (2007) que continuaría ata hoxe en Chamaquito Pistolas e As Balas Perdidas, participando en diversos traballos discográficos e concertos.

Pero, cando nace o Doctor Migraña? Cando xorde ese “rock and roll de corte clásico con tintes de garaxe e pinceladas de blues?”. Pois sobre o 2010. Explica que “tiña forzas para emprender o camiño e necesidade de amosar creacións propias. De botar o rock and roll que levaba dentro” en cancións, vídeos, e divertidos concertos. No 2016 gaña o Xite Dorneiro. DOCTOR MIGRAÑAE no 2019 colabora no proxecto Jalerna coa súa canción“Generación Z”, e grava un vídeo mesturado por Laura Cruxeiras. Un Doctor Migraña que engaiola coa súa voz poderosa e unha guitarra vermella. Ás veces só, outras acompañado polos Speedyfriends. Pasiño a pasiño. Porque, como el mesmo di, o rock é tamén “a arte de combinar familia e overdrive”.

(Nando Pérez: “Cando un está no escenario, esa sensación é a mellor do mundo”)

Nando Pérez é un músico de cerna nado en Ribeira. No fogar familiar era doado escoitar diferentes instrumentos grazas ao pai, músico de profesión. Realiza estudos de Música pero foi a súa paixón, e as ganas de aprender e experimentar, o que o levou a completar a súa formación como artista. No 2005 comeza a súa traxectoria tocando o clarinete n’ A Companhía do Ruído. Unha banda dinámica e aberta que mestura ritmos e estilos diversos outorgándolle un gran protagonismo aos instrumentos e á retranca. Un proxecto cativador no que Nando estivo inmerso, participando nalgúns traballos discográficos xunto a outros músicos como Alberto Millán, Tomás Ageitos, Nando Llon, Toño Millán, Sabela Olivares, Susana Sampedro, Ana Blanco e Carlos Mariño. Grupo co que segue colaborando, de cando en vez, xunto ao incombustíbel Suso Bello.

Se falamos de referentes musicais, Nando non dubida en citar Ataque Escampe, os Rolling, Nacho Vegas, Bunbury ou Calamaro. De feito, no 2007, forma Os Salmóns, un grupo de versións de Calamaro. Pero é no 2010 cando sente a necesidade de darlle forma a un proxecto persoal e botar fóra composicións propias nas que a palabra elixida e a nota musical ocupan o lugar axeitado. “Son cancións que xorden dun xeito natural, nas que predomina unha temática social e unha maneira de sentir que sempre invitan a gozar da música a ritmo de rock, vals, tango e blues”. CHAMAQUITO PISTOLAS. jpgAsí nacen tres importantes discos: Ollomol (2013), Deep Galician (2015) e Humano (2018). Este último é o máis ambicioso e do que asegura estar máis satisfeito. Nesta nova andaina acompáñano grandes músicos, como Juancho na guitarra, David Ageitos no teclado (nos primeiros tempos sería Miki), Carlos Mariño no baixo e Pepe na batería (nos últimos tempos Manu Chin). Así nace a banda Chamaquito Pistolas e Las Balas Perdidas. E fala con entusiasmo das gravacións ao vivo, dos artistas convidados nos concertos, dos detalles previos, da estética de Chamaquito Pistolas: “Deixar de ser persoa para converterme en personaxe”. Da emoción, bulindo: ”Cando un está no escenario, esa sensación é a mellor do mundo. A liberdade. A complicidade cos compañeiros. O entendemento só con mirarnos”

Na actualidade Nando reside en Madrid e non deixa de escribir e compoñer, de relacionarse con novos cantautores. E calquera día destes volverá facernos gozar coas súas letras, co son da súa voz e da súa música.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *