El desafortunado, de Ariel Magnus

9788432236679Xerardo AgraFoxo. Este libro conta unha historia ben coñecida polos lectores interesados polas escouras deixadas polo Holocausto. No ano 1950, baixo o nome de Ricardo Klement, estableceuse na Arxentina, contando coa protección do peronismo, Adolf Eichmann, un dos principais arquitectos da “solución final”. Dous anos despois chegou a súa muller e os fillos. Comezaban deste xeito unha vida plácida até que un encontro fortuíto nun cine de Bos Aires lle deu pistas ao Mossad para capturalo no 1960. A historia posterior tamén é ben coñecida. A través dunha escrita moi coidada, Ariel Magnus (Bos Aires, 1975) conta a vida clandestina e discreta deste criminal nazi que, amparado pola comunidade alemá na Arxentina, nunca rexeitou os asasinatos cometidos polo nazismo nin a súa intervención directa como responsábel das  deportacións de xudeus e a súa posterior liquidación nas cámaras de gas.

Amais de ofrecer un retrato aséptico dunha figura terríbel, a novela ofrécenos a posibilidade de mergullarnos –despois– con algúns acontecementos vinculados con esta arrepiante historia: Quen denunciou, cando as vítimas e os asasinos eran veciños, o paradoiro de Eichmann? Que foi dos fillos deste monstro? Á primeira pregunta pódese responder que, curiosamente,  foi un cego, Lothar Hermann, que perdera a vista no campo de concentración de Dachau. A segunda pregunta ten unha resposta tamén curiosa: o fillo maior foi un nazi convencido (“Tengo uno de los nombres más odiados del mundo, pero aún así, todavía le quiero”), pero o máis pequeno, Ricardo Eichmann, un experto exiptólogo a nivel mundial, non só condenou os crimes de seu pai, senón que xustificou que o aforcaran.

Por certo, Adolf Eichmann foi xulgado e executado o 31 de maio de 1962 en Xerusalén. Foi o primeiro home aforcado en Israel dende a creación do Estado catorce anos antes. Os seus métodos máis expeditivos empréganos agora nos países veciños.

Un comentario en “El desafortunado, de Ariel Magnus

  1. En Alemania un dos vixilantes do campo de exterminio de Dachau, disque chorou o día que lle morreu o canario.

    Cariñosos saúdos palmeiráns, querido Xerardo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *