Carta a unha lectora (X), hai libros que nos chaman dende os escaparates

mujer-leyendoPilar Sampedro. Las mujeres que leen son peligrosas foi un deles. A xente acababa agasallándoo porque lle parecía que a ninguén lle podía resultar indiferente. A min facíame pensar. Por un lado lembraba a afirmación dunha compañeira de xeración que, nos tempos do cambio de réxime, sempre me facía caer na conta de que o stablishment lles perdoaba mellor a disidencia aos homes que ás mulleres porque elas, cando rompían, facíano a conciencia. Polo outro, sempre me pareceu que o título respondía a unha mentira, porque estaba convencida de que quen lle puxo nome ao libro buscou chamar a atención, porque era imposible que pensase que as mulleres que lían eran máis perigosas que as outras. A experiencia, especialmente a nivel de traballo, demostroume sempre que o perigo está do lado dos que non pensan nin recapacitan, dos que seguen consignas sen facer crítica nin autocrítica nunca, sexan mulleres ou homes. As mulleres que len, profundan –como dicía Castelao– e con elas pódese dialogar sobre todo o habido e por haber. As mulleres que len coñecen moitos mundos e de todos eles van extraendo algunha ensinanza coa que facilitar o entendemento. Nunca serán perigosas. Nunca. Só valentes. Dispostas a mellorar a realidade, a construír unha sociedade máis xusta, e iso nunca é perigoso.

Mentres escribo isto vénme á cabeza unha situación: nun centro de primaria, unha revista escolar na que participaban todas as aulas (da maneira que consideraran máis conveniente), unha profesora de infantil que viñera cubrir unha baixa ou algo así. Tentei convencela de que o seu alumnado tamén podía participar na revista. E, ante a súa negativa, que baseaba en que eran moi pequenos, ensineille as revistas anteriores nas que colaboraran, para demostrarlle que eran novos pero non incapaces. No límite da data de entrega trouxo o seu traballo, que me entregou mentres comiamos no comedor escolar; era o debuxo dunha pancarta contra o aborto; ese día comín tragando as bagullas e a rabia, sen retirar a mirada do seu rostro satisfeito. Esas, as que non len, son as perigosas. As que non leron libros de pedagoxía máis alá da carreira, as que nunca reflexionaron sobre a súa práctica, as que non foron quen de ler nos libros de papel ou naqueles outros da realidade.

Hai outro libro, Las mulleres que escriben también son peligrosas, que volve ter un título con mentira. Porque o perigo está en cando alguén só conta coa violencia para expresarse, para mostrar a súa rabia ou o que precisa sacar fóra. Nalgún dos países máis violentos que coñezo a xente fala suave; as súas formas de expresión nunca son violentas, nunca berran, non se escoita unha palabra por riba doutra e, sempre pensei que, se puidesen gritarse algo máis, igual evitaban pasar a maiores. É certo que hai refráns para iso, o que di que a palabra que se dixo xa queda fóra, e a que se escribe máis, como diante dun notario: dixéchela, escribíchela e queda para sempre. Pero aí tamén, a xente que se dedica á política cambiou o paradigma: podes tirar de hemeroteca, podes mostrar o que dixeron ou escribiron onte, que non se poñen colorados.

Por iso, tamén, hai que escribir. Escribindo expresas todo o que precisas, cando o precisas, e as persoas que escriben non son perigosas, sempre que non o fagan manipulando.

2 comentarios en “Carta a unha lectora (X), hai libros que nos chaman dende os escaparates

  1. Bos días, Pilar:

    Groucho Marx ten unha frase moi boa. Dicía: “Encuentro la televisión muy educativa. Cada vez que alguien la enciende, me retiro a otra habitación y leo un libro”.

    Por eso as bibliotecas en Egipto as denominaban como, “tesoro de los remedios del alma”.

    Sobre o que falas de tirar de hemeroteca, contéstoche con outra de Krushov: “Los políticos son iguales en todas partes. Prometen construir un puente incluso donde no hay río”.

    Moita saúde Pilar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>