Beleza sucia

paraisoFidel Vidal. A novela de Antón Riveiro Coello, O paraíso dos inocentes (Galaxia, 2020), premio Torrente Ballester 2019, envolvente e suxestiva, lévanos da man de persoas entrañables e non de personaxes, de vidas aventuradas, de sacrificios e de esperanzas que non vou comentar nesta achega. Se acaso, e por sinxela asociación de palabras e ideas, quedei atrapado nalgunha das expresións que me convidaron a un descanso, unha pausa para pensar. Nesta ocasión unha paradiña sobre a “beleza” do tráxico e na traxedia que implica a destrución. Ou mesmo da pobreza (Sebastião Salgado, arte povera) e que pode acadar, sen relación ningunha coa denominada sublimación pola psicoloxía, unha forma de arte.

Estamos a carón do suxeito, no tecido relacional entre a imaxe e a palabra, Lacan, ao referirse ao Barroco, falou da “estética do baleiro”. No caso que nos atinxe o real (paralizante) regresa en forma de ruína (vitoria de Tanatos), conectando a imaxe da cidade que foi (edificacións e persoas vivas e enteiras), en destrución e morte. O barro(co), a lama, a desolación dun singular vertedoiro do que agroma outra imaxe capaz de formar parte do simbólico: o resultado da guerra. Atopámonos nunha guerra, a de Siria, onde se dirime a muda dunha ditadura humana por outra divina.

Amira, como suxeito (outro) detrás da cámara, dubida entre o seu labor como mensaxeira (denunciante) dunha realidade -“sangue impreso nunha chea de panos brancos” (p. 30)- ou como transmisor (creador) dunha estética. Xa nas primeiras páxinas, o autor, por boca de Amira, descríbenos ese decorado “fóra do mundo·: “ruínas dos edificios deste barrio transformándoas nunha beleza sucia que me corta a respiración” (p. 17). Lacan falou da “estética da letra” que enlazamos coa “estética da imaxe”. Amira en Alepo Leste: “talvez contribuín a estetizar a violencia e anestesiar os espectadores (que xa non queren máis imaxes de guerra)” (p. 35). Da arte contra a estética, que diría Tàpies.Unha estética que percorre o camiño que vai da distorsión (anamorfose), até a temida fragmentación da que fuxir (Isam: “dar  a volta ao mundo, e non ao pesadelo (…) duns pasos militares que fan tremer a terra”, p.19), para rematar na destrución e na morte. .

E velaí os cativos, coa súa formidable afouteza que os salva dos traumas con fabulosos recursos. Así o neno Karim amosa “os debuxos que garda nun cartafol azul. Emocióname a inocencia coa que pintou o horror da guerra” (p. 55). Non quero esquecer as palabras de Tristán en Bruxelas. Estou da súa parte. “-Non sei para que cona tres aeroportos en Galicia? –Por? –Só teño voo directo ao Porto” (p. 49).

2 comentarios en “Beleza sucia

  1. “O paraíso dos inocentes” tamén estará na lista de pedidos dos Reis de Oriente.
    Moitas grazas, querido Fidel.
    Felices Festas y moita saudiña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>