Lembranzas de Cobelo

B26E1087Encarna Pego. Todas as cousas da infancia, grandes ao meu ollo de nena, semellan agora minguadas. Non sucede así co olmo que fun visitar a Cobelo despois de varias décadas. Agardaba a miña visita. Recibiume gallardo e riseiro. A súa ledicia era tan intensa coma a miña emoción.

Mentres eu lembraba os xogos coa auga cando ía coa tía Carme á fonte, ou pensaba nas veces que pasou por alí miña nai coa bañeira de zinc na cabeza, o olmo amosoume as feridas do seu groso tronco e recoñecín o seu irmán que, fronte a el, eu non recordaba.

A fonte de Cobelo, flanqueada polos olmos, era moi concorrida por mulleres con caldeiros polo día, e lugar de segredos e promesas pola noite. Agora está anovada con asento e escaleiras de pedra e varanda de metal. Hai no arredor uns bancos de madeira co nome da escola-obradoiro que restaurou o recinto.

Os olmos teñen, polo menos, outro irmán uns metros máis abaixo, que se ve máis esvelto. Confortoume ver que non están sos.

A carón hai varios carballos, que os arroupan coa súa danza abaneados polo vento, facendo máis levadeira a soidade da fonte desde que chega a auga á billa das nosas casas.

Volverei de cando en cando polos camiños da infancia, para acariñar outra vez as árbores que me permiten seguir sendo aquela nena.

Un comentario en “Lembranzas de Cobelo

  1. Que recordos, verdade ?
    Eu tamén son moi proclive a emocionarme con pequenas cousas.
    Fas moi ben deixar por escrito estos pensamentos para que así se salven do esquecemento.

    Unha aperta palmeirana con moito cariño, Encarna.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *