Historia de dous campos

B18E8025X. Ricardo Losada. O Campo de Arriba é a alameda. Plátanos, bancos de pedra, parque infantil, fonte. O Campo de Abaixo é o centro neurálxico. Cafeterías, bancos de crédito, inmobiliarias, servizos administrativos, coches. A historia contemporánea de Rianxo é a historia dunha longa posguerra, tras a vitoria do Campo de Abaixo sobre o Campo de Arriba. As novas correntes humanistas deixan unha pregunta no aire. Que facer para que os rianxeiros volvamos ao Campo de Arriba lucir a roupa de domingo? Por que preferimos pasear polo Campo de Abaixo, entre os coches?

     Dicía Joubert que hai dous tipos de persoas. Os que recordan o colexio e os que recordan a infancia. Quizais os rianxeiros recordamos a infancia. A nosa infancia é o Campo de Arriba. Queremos protexelo? Dános medo que, se lle de damos vida, acaben pondo alí un banco de crédito? Esa é a teoría optimista. Hai outra, pode que máis realista. Recordamos o colexio. E o colexio é a cultura de chegar a ser algo na vida. Capitalismo financeiro. Memoria emocional desactivada.

     Dous exemplos:

     O Campo de Arriba está limitado ao norte pola capela da virxe de Guadalupe e ao sur polo Concello.

Fotos: La Voz de Galicia

Fotos: La Voz de Galicia

O segundo domingo de setembro celébrase na capela un dos actos máis importantes da vila. A misa solemne das festas de Guadalupe. As autoridades van en procesión desde o concello ata a capela. Polo Campo de Abaixo! Tras baixar (innecesariamente) unhas escaleiras, e subir outras.

     A principios dos anos oitenta un rianxeiro tivo un accidente laboral. Invalidez. Solicitoulle permiso ao concello para colocar un quiosco no Campo de Abaixo. A corporación deullo pero no Campo de Arriba. Non se podía condicionar o futuro da vila cun negocio tan modesto. Desde aquela, os rianxeiros subimos ao Campo de Arriba, compramos o periódico e ímolo ler a unha cafetería do Campo de Abaixo. Ninguén queda a lelo no Campo de Arriba. Nin sequera no verán, cando as copas dos plátanos ofrecen unha sombra familiar.

     Só algúns nenos manteñen a esperanza. Xogan ao fútbol no Campo de Arriba e, a miúdo, golpean con tanta forza o balón que supera a balaustrada, dá no capó dun coche aparcado no Campo de Abaixo e roda ata as buliciosas terrazas. Un neno baixa correndo, colle o balón e volve ao Campo de Arriba como un foguete.

     Nin que vira o demo no Campo de Abaixo.

12 comentarios en “Historia de dous campos

  1. Prezado Oscar:

    Sen dúbida. Os contrastes son a salsa da vida. Mira que curioso. A min, a noite das bengalas pásame o contrario que a ti o día do Chupinaso. Nos últimos anos sempre as vexo desde o campo de Arriba (por razóns que non veñen a conto), pero sempre as desfrutei máis entre o bulicio do campo de Abaixo. Que me guste a tranquilidade no meu caso supón necesitar de vez en cando algo de bulicio. E o día das bengalas é ideal.
    Fortes apertas!

  2. Que sería da vida sen os contrastes? Eu, por exemplo, no seu día estaba no Campo de Abaixo o día do Chupitaso. Ata que decidín ver a vida con outros ollos, subir un pouco e ver dende o Campo de Arriba a euforia desatada da inauguración da Guadalupe. Ou pode que me fixera vello e agradeza, como di Nati, ter un sitio tranquilo que me permita escapar de cando en vez do bulicio.

  3. Tienes razón, querido profesor: las imágenes de lo vivido en la infancia son las que nos mantienen vivos. Sin esos recuerdos la vida no tendría significado. Por suerte, tengo tantos…
    Pretendiendo ponerme al día en la historia de Rianxo -pura presunción- e intentar contestarte en gallego, dejé lo esencial sin respuesta: “Ningún capitalismo financiero logrará dejar desactivada la memoria emocional”.
    Un abrazo.

    1. Prezada Carmen:

      Que fermosa e breve (logo dúas veces fermosa) resposta. Encantoume.

      Cando eu digo que Rianxo é o mellor lugar do mundo o único que quero dicir
      é que en Rianxo fun feliz, moi feliz, de neno. Con esa frase o único que pretendo é ser agradecido, moi agradecido. Se Rianxo é un lugar con moita historia, con moitos personaxes famosos, con paisaxes fermosísimas ou con máis ou menos ambiente, é algo que, a nivel persoal e afectivo, tanto me ten.

      Grazas!

  4. Prezada Carmen:

    Ben sabes que os campos levan os desacordos con flema británica.

    Ultimamente celebránse actos culturais tanto no campo de Abaixo como no de Arriba. O Campo de Abaixo é a praza de Castelao, onde coincidimos nunha desas visitas que fixeches con Magdalena a Rianxo.

    Dígoche o mesmo que lle dixen a Magdalena sobre a beleza. Cústame emocionarme coa historia de Rianxo. Cando vou á praza de Rafael Dieste, por exemplo, e vexo o Pazo de Martelo ou a igrexa, penso máis en detalles da miña nenez ou da miña mocidade que en Paio Gómez Chariño ou nunha necrópole romana. Simple que é un.

    Máis apertas!

  5. Prezada Magdalena:

    Para moitos rianxeiros da miña idade mencionar o Celta é mencionar un dos grandes deuses da nosa mitoloxía, pois no Celta viaxabamos ao instituto e á universidade. Agora é un Arriva. Cando lle digo á xente nova que un dos Celtas, o que viña por Isorna, entraba na praza de Castelao pola rúa do Hospital e a rúa do Medio, non dan crédito.
    Por certo. Agardo que non foses unha daquelas viaxeiras de Boiro, Pobra ou Ribeira que cando collían o Celta en Santiago e comprobaban que ía pola vila de Castelao, dicían con horror: Este vai por Rianxo! Vaia volta imos dar!

    Xa sabes que estou encantado de ter nacido en Rianxo. De todos xeitos creo que se debe máis ao feliz que fun de neno que á súa beleza. Para estas cousas, a beleza é algo sobrevalorado. De feito a min nunca se me ocorrería pensar no Campo de Arriba ou no Campo de Abaixo como lugares fermosos.

    Apertas

  6. Querido profesor:

    Este verán, con ou sen máscara (presumo que con ela), non queda outra que volver a Rianxo para situar no lugar os desacordos entre os do Campo de Arriba e os de Abaixo.
    Nas miñas poucas visitas con Magdalena (antes nos estiven nesa vila), creo que apenas saímos do Campo de Arriba, que supoño é onde se celebran os eventos culturáis.

    É imperdoable que, vivindo tan preto, soubese tan pouco dunha vila con tanta historia. Polo que puiden indagar, a vosa cultura ven de tempos prehistóricos, é de raigambre, xa que a arte rupestre aparece por todas partes: castros, mamoas, petroglifos…; e incluso unha lápida da época de Nerón ordenando a persecución dos cristiáns. Para remate, incluso foi cabeza de xurisdición eclesiástica. E non falemos dos procesos xudiciáis entre os sucesores de Paio Gómez e a curia Compostela… E moito máis.

    Decidido: no verán imponse facer algunha que outra excursión cultural por Rianxo e arredores.

    Bonitos sonos.

  7. Prezado Ramiro:

    Sen dúbida ese é outro elemento importante, pero moi relacionado cos que se
    mencionan no texto. Eu mesmo desfruto moito, non o vou negar, dese mirar a vida da
    vila desde unha terraza. Agardo que non de forma viperina.

    Un saúdo rianxeiro!

  8. Prezada Naty:

    Escribín este texto hai dez anos ou máis (cada vez sei calcular peor o tempo).
    Ultimamente o campo de Arriba está máis animado, pero só en horario infantil
    (o éxito de dous parques infantís). Pero coincido contigo. A min gústame máis
    con esa tranquilidade que ti mencionas.

    Unha forte aperta!

  9. E non será, tamén, que o escenario da cerimonia do cortexo, do ver e ser vistos, e do corte e feitura de traxes á medida das linguas máis viperinas (vespertinas, que dicía un tío meu) mudou tempo fai a bares e terrazas?

  10. Fai moitos anos, tantos, que casi non usaba da razón. Jesús, que esaxerada son !! bueno, fai moitos, pero moitos anos, tiven que ir a visitar a un familiar que estaba no agora desusado hospital de Santiago. Fun no autobús denominado daquela “o celta” que entón pasaba por Rianxo, (non sei se segue pasando) e cando vin aquela fermosa praza quedei pasmada. Encantoume. Agora vamos con máis asiduidade ó fermoso pobo rianxeiro e sempre atopo algo que me atrae.
    Eu creo que si tivera que elexir entre o Campo de Arriba ou Campo de Abaixo, dada a miña paixón polo rural por donde dirixo todolos días as miñas camiñatas, deixaría ese centro neurálxico un pouquiño apartado para outras ocasións y elixiría o lugar da fonte, bancos de pedra e arboreda.
    Tes un fermoso pobo (eu tamén) e alédame saber que disfrutas do todo o que sexa rianxeiro. Eso chámase patriafidelidade. Noraboa.

    Unha aperta e compartidos saudos dunha admiradora palmeirana que vos recorda sempre con moito cariño.

Deixa una resposta a xosé ricardo losada Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>