Pastor Rodríguez. Antonio Novo Salgado, aínda que nado en Teo en 1947, dende os anos setenta viviu en Ribeira, cidade na que se dedicará á hostalaría, na histórica cafetería Nordeste. E sobre a súa especialidade publicará as obras Vocabulario de cócteles (1991), O libro dos cócteles galegos (1993) e A barra por dentro (1995). Pero o que lle deu popularidade na súa vila de acollida foron as obras nas que recolleu a memoria e as anécdotas de todos os personaxes famosos da cidade de adopción. Así, en 1994 publica Contos verdadeiros, e no ano 1997 publica na Coruña as obras Ilustres anónimos. Historias verdadeiras I e Ilustres anónimos. Historias verdadeiras II. Pero quizais a obra máis interesante para o Barbanza é Contos verdadeiros. 10 personaxes que non precisan autor. Unha obra que recolle as semblanzas narrativas de personaxes lembrados na memoria popular como Saavedra, Ramón Púa e Parada.
Falecido o 30 de xuño de 1999, o xornal no que colaboraba daba a noticia deste xeito: «La muerte de Antonio Novo causó consternación en Ribeira». Tras a súa morte publicaron sentidas necrolóxicas Perfecto García Neira e X. Sánchez Puga.
Prezado Pastor: Concordo con Gonzalo no acerto de lembrarnos con esta achega a Antonio, unha moi boa e querida persoa, un amigo co que compartimos felices momentos, con ou sen un “Tombaloureiros” á man. Saúde.
Bo día, prezado Pastor. Recordo a Antonio, e coido que esta lembranza que hoxe fas ti del é todo un acerto. Felicito por iso. Unha aperta.