Anteface

"Anteface", de Teresa Argibay, como a insinuación
“Anteface”, de Teresa Argibay, como a insinuación

Eme Cartea. Anteface representa o omnímodo poder da insinuación! Porque impón a súa absoluta e inmediata presenza, chea de sinxeleza e ambigüidade embozada, converténdonos en (in)discretos voyeurs cativados na trama da forma e da cor. E por ser concibida xa como estética do inacabado, a modo de schizzo, con contornos nítidos para un medio corpo en primeiro plano que se prolonga máis alá do cadro, ata onde a imaxinación se aventure.

Mais tamén, o que conmove neste bosquexo polícromo é o feitizo da súa nudez agochada. A historia do espido en arte vén das cavernas paleolíticas e evolucionou, si, pero non progresou. Un longo camiño de Venus e Odaliscas ata Teresa Argibay, dende o idealismo mitolóxico e bíblico ata a «carnalidade» do s. XX-XXI, que se foi abrindo paso contra atrancos e inquisicións, segundo os valores e a moral de cada época. Pero a fascinación polo espido e o erotismo é humana, demasiado humana, e nada hai de malo nun corpo, sexa nu corporal (naked) ou nu artístico (nude), fermoso ou engurrado, como acertadamente defende o feminismo dende hai dous séculos: o mal está na nudofobia, na utilización do corpo feminino como obxecto por parte dun puritanismo claramente extemporáneo. Pero ao noso rescate chega Paul Valéry: «O que o amor foi para narradores e poetas, foino a nudez para os artistas da forma».

Sabemos de certo que os humanos somos os únicos animais eróticos, grazas á facultade que temos de imaxinar, o que acrecenta a nosa fantasía como fonte de pracer físico e emocional. Neste semiespido, Teresa introduce un anteface como fetiche e enigma do poder da muller. É a persoa das festas saturnais…, o felo do Entroido, o desenfreo do Carnaval. Como Rembrandt, Teresa Argibay vive fascinada pola seminudez, polas zonas escuras, a alusión máis ca polo evidente, a suxestión sensual do corpo visto de costas ou de perfil. De aí o anteface, símbolo de misterio, morbosidade e insinuación. Porque a máscara é, non o que somos, senón o que queremos ser; fainos iguais a nós pero distintos aos outros. A máscara enmascara a realidade e «desenmascara» o noso ser íntimo, ese sermos outro interior. Xa antes o dixeron os poetas: «Je suis l’autre» (Nerval); «Je est un autre» (Rimbaud). O disfrace como proxección visible dos sentimentos ocultos.

Prohibición e tentación

Logo, o suxeitador, que esconde, impide ver, pero que non é precisamente un «pano de pureza». Prohibición rima con tentación, ante todo cando prohibes convidando ao alborozo: esa leve caída da copa e do tirante dereito inducen á íntima vibración sensual, á suxestión do que se insinúa como posibilidade. E esa pose algo reclinada que se sabe desafiante dende o anonimato que é poder…, porque é dona de seu e pode e quere. E a cor, finalmente, tres dos catro puntos cardinais do erotismo -boca, ollos e senos-, os tres en intenso vermello, cativan a ollada e incitan de vez ao “desarranxo de todos os sentidos” (Arthur Rimbaud dixit).

2 comentarios en “Anteface

  1. Ler unha obra de arte e cousa de augures, exorcistas, druídas e masóns; coñecedores da linguaxe dos grimorios, que permiten entrar nas sanctasanctórum de Eros, Venus e Afroditas, vellas divindades, onde os artistas carecen de enxeño narrativo par describir a súa arte.

    Feiticeiro, Mestre.

    Noraboa a Tere.

  2. Encántame, amigo Cartea, a expresión “omnímodo poder da insinuación!”. En efecto, penso que o erotismo nace de tapar (in)certas partes, esas e non outras, de tapar e destapar, do destape, da insinuación, de dar ás a quen mira, ao voyeur, a mirada convertida nun acto cargado desexos. Paréceme un moi bo exemplo a obra de Teresa Argibay, os Antefaces, que ti tan ben describes e analizas. Forte aperta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *