Persoal e intransferible

unnamedMarina Losada Vicente. Luns, 1 de febreiro. Mesa 4

 -Se non quere ter comisión, que faga unha tarxeta.

-Vale, faime unha.

-Ten que vir el.

-Vive comigo e estou autorizada na conta.

-Ten que asinar o titular.

-Dáme a documentación que lla levo á casa. Non vou ter a meu pai esperando fóra ao frío.

Martes, 2 de febreiro. Mesa 2

-Non me fío da solicitude que me trae asinada. Para que ía querer unha tarxeta seu pai?

-Para non pagar comisións.

-Ten que usala polo menos dúas veces ao mes.

-Pode pagar con ela as pizzas dos netos.

-Non estou para bromas!

-Nin eu. Como use a tarxeta é cousa del.

-Sería este o primeiro vello que a pedira voluntario! Ademais, a tarxeta é de uso persoal e intransferible. Se de verdade a quere, ten que vir el.

Mércores, 5 de maio. Mesa 2

-Para facerlle a tarxeta teño que ver o seu carné, teno aí?

-Aquí tes o carné, aínda que xa o tendes escaneado de hai tempo. E se non che importa, diríxete a min que papá non oe ben.

-É vostede o señor Xosé Alcalde? Non se parece moito á foto do documento de identidade…

-Que lle queres dicir? Déronllo permanente aos setenta anos e ten noventa e cinco. Ti es a mesma de hai quince anos?

-Non é cousa miña se non se parece. Como sei que é Xosé Alcalde Valín?

-Nos que están fóra á chuvia, hai polo menos tres que saben quen é. Chámaos.

-Tería que preguntar ao director se vale así.

-Pois levanta o teléfono e pregúntalle. Leva tempo mirándonos desde a cristaleira do seu despacho. É inquilino de meu pai.

-Vale, confirmado, dime que si, que é o señor Xosé. E non se poña así, eu teño que facer o meu traballo. Para que quere unha tarxeta, señor Xosé?

-Para que non me roubedes dez euros cada mes.

-E sabe como se usa?

-Aprendo, tamén aprendín a andar co mando a distancia, só que agora non podo  con el, que me cae das mans… pero sei pedir que me cambien de canle.

-Vale, asine aquí, faga favor, señor Xosé.

-Vexo pouco e a man trémeme. Teño que poñer os dous apelidos?

-Asine como queira, que máis ten, só é un trámite e estase acumulando moita xente!

Xoves, 6 de maio. Mesa 3.

-Veño recoller a tarxeta de meu pai. Onte asinou autorización para que a recollera eu.

-Non lla podemos dar. A sinatura de seu pai non coincide coa do carné de identidade.

-Que? Isto é unha broma? Unha cámara oculta?

-Non, non é unha broma. As sinaturas non coinciden.

-Mira, rapaza, ou muller, ou empregada… ou o que queiras ser, que o de señorita que pon na placa non che presta… quero cancelar a conta agora mesmo!

-Non hai problema algún, encantada de atendela, pero para cancelar a conta, ten que asinar o cliente.

2 comentarios en “Persoal e intransferible

  1. Real coma a mesma vida, Marina !!

    Contaba Larra o que lle pasara a un francés cando ven a España a arreglar uns papeis sobre uns terrenos que había herdado, e atopouse co “Vuelva usted mañana”.

    Sabes relatar moi ben o que pasa aínda hoxe, póis como dicía Poncela: “Lo único que no comprendo es qué él quiere que yo comprenda”.

    Moitos biquiños, e felicidades.

    1. Agora en lugar do clásico “vuelva usted mañana” temos o de “tiempo de espera superior a cinco minutos”. Por moito que escollas opción galego. Bicos, Magdalena

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *