Bosa, o castelo da familia Malaspina

bosaXerardo AgraFoxo. Esta é unha cidade, con certo aire renacentista, que se atopa empolicada encol dun outeiro, un cumio erguido a carón dun río que é navegable, caso único nesta illa, no último treito para embarcacións de pouco calado. Sobre este emprazamento estratéxico ergueuse na montaña de Serravalle o impresionante Castello dei Malaspina, construído no ano 1112 por esta familia de orixe toscano para se defender dos ataques dos reis de Aragón, controlar a súa chaira agrícola e deixar fe do seu poderío na contorna marítima. Baixo os seus rexos muros espállase esta curiosa cidade de calellas pedrallentas, trazado revirado, casas cativas, edificios aristocráticos, curtidoiros convertidos en museos, igrexas de riscos románicos e unha catedral de muros altos e rexos que son un perfecto exemplo do barroco.

Bosa, que tivo estatuto de cidade real baixo o dominio aragonés e sempre mantivo estreitas relacións con España, conserva un barrio medieval, Sa Costa, que é un claro exemplo de arrabade antigo polo seu labirinto de calellas lousadas e empinadas, onde se ven mulleres facendo encaixe nas súas portas e fermosas tendas de artesanía local. A carón da cidade atópase Bosa Marítima, cunha impoñente torre aragonesa e a praia máis limpa de Italia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *