Vangarda ule, de Manuel López Rodríguez

EyT3BvgWEAEOVfeRomán Arén. O noiés Manuel López Rodríguez (1978) gañou o II Premio de Poesía Eduardo Pondal con este breve poemario de vinte e cinco “sagrados”, outorgado por un prestixioso xurado formado por Luciano Rodríguez, Teresa Seara, Miguel A. Mato Fondo, Monteserrat Yoldi e Xulio López Valcárcel. Membro do Colectivo Sacou, fotógrafo, pintor e editor, é autor doutros poemarios como Rompe ou Desde onde non nace e gañador de premios como o López Ardeiro, o Concello de Carral ou o Suso Vaamonde. A unha temática amorosa inicial, non lonxe de certo neorromanticismo (“Voando arredor túa; amándote tanto, penetrando na / porosidade da vestimenta…”, únelle un ton elexíaco e unha cadencia e imaxes de vangarda, pero sen esquecer o compromiso (a palabra “nación” é a clave de seis poemas), nin a reflexión poética (“O poema é / a simetría baixo das palmeiras dunha vila mariñeira”) ou as alusións a outros poetas (Lois Pereiro, Gil de Biedma, E. Lorenzo Baleirón). Periferia si, mais non demasiado lonxe do canon; liberdade de quen está fóra de xogo, pero no partido. Os mellores acertos nos poemas breves: “Muda a perspectiva. O / inimigo persegue o rastro que deixas, as / chamadas telefónicas e as / conexións / visuais. // Se a carón do río premes o tronco da sobreira. // Disimula. Velaí vén do que gustas”.

LÓPEZ RODRÍGUEZ, Manuel
Vangarda ule, A Coruña, Medulia, 2020, 36 p.
Poesía

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *