Aire fresco

imageMaría Xesús Blanco. Que ganas temos de non usar a máscara. De ver o sorriso dos amigos ou o da veciña no primeiro encontro da mañá no portal do edificio. De saír á rúa sen máis preocupación ca de sentir nos beizos a lixeireza suave do vento. De buscar cores de carmín diferentes para pintalos cada día. Será que hoxe corre un aire fresco e non podo cavilar noutra cousa. Será tamén porque o temos ben merecido. Despois de encarar con afouteza e paciencia un percorrido longo con furados abruptos. Un traxecto para o que non estabamos preparados e sen os medios axeitados para facelo. Que ganas de cumprir algúns dos desexos que foron amoreándose, un tras outro, durante meses. Como ver os nosos nenos e nenas xogando rebuldeiros nos parques, ou correndo con liberdade polos sendeiros sen ningunha tea con gomas que lles cubra a boca. Que ganas de sentir no corpo o bulebule da música en vivo tomando unha cervexa fría na terraza da rúa peonil, ou en calquera lugar improvisado preto da praia.

Pero a pandemia segue aí. Sabémolo. Devecemos por ler un titular de prensa con letras enormes que nos confirme que xa rematou. Que xa non está. Mais aínda toca esperar. As vacinacións avanzan e as restricións minguan agora con rapidez. Porén, hai que ir con cautela. «Amodo e con sentidiño», din unha e outra vez os expertos. Así e todo, comezamos a ver con claridade a luz ao final do túnel. A botar fóra ese nobelo de angustia que leva moito tempo ancorado na boca do noso estómago. Mais é obvio que as nosas vidas, e as de moitas persoas que nos rodean, cambiaron. E sabemos que para moitos non vai ser doado compensar o sentimento de perda e de tanta dor. Tal vez, por iso, neste solsticio de verán que se acerca, ansiamos mudar de pel máis ca nunca. E poñeremos os cinco sentidos en lavarmos a faciana co pouso das flores de san Xoán, despois de saltar ben a fogueira na noite máis curta do ano. Para tentar espantar de vez este meigallo como se fose un mal soño.

Ai, que ganas de compartir risas e conversas sen máscaras. Que ganas!

3 comentarios en “Aire fresco

  1. María Jesús:
    Qué bonito seria recibir esa brisa de aire fresco, como tu bien dices, acariciándonos el rostro!!!, pero por desgracia con estas máscaras, que la mayoría llevamos, no veo muy cercano el día en que todos podamos “despojarnos” de este incómodo “bozal”.
    Sería maravilloso que este nuevo año que se avecina…, fuese el “preludio” de un año sin “bozales”. Y así disfrutar de la familia y amigos, sin miedo a contagiarnos. Soy optimista, pero…
    Mis saludos.

  2. María Xesús:
    O aire fresco neste “reinicio”, é caro; case mellor ignoralo ou lazarse coma os hiperbóreos de fronte o precipicio da realidade.
    Saúdos afectuosos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *