Deuses con forma de can

pexels-photo-981062X. Ricardo Losada. Hai anos que un filósofo norteamericano chamado Peter Singer falou da necesidade de pór no centro do debate o tema dos dereitos dos animais, comezando polos grandes simios pois son os máis parecidos a nós e teñen capacidade de sufrimento. A nivel filosófico o debate pódese resumir nesta pregunta: teñen dereitos os animais, e os seres humanos debemos recoñecerllos, ou só os teñen se llelos concedemos nós? Pode que ao principio parecera unha pregunta teórica, mesmo absurda, e con poucas repercusións prácticas, pero agora a cousa cambiou moito. Un tribunal norteamericano recoñece os dereitos de imaxe dun macaco. A Xustiza arxentina concédelle o hábeas corpus (dereito a non ser privado arbitrariamente de liberdade) a un orangután que vivira toda a vida engaiolado nun zoo. Moitas vilas e cidades prohiben os circos con animais. Non podemos mirar para outro lado.

     Aínda así, o que me interesa agora non é se os animais teñen dereitos humanos (algo que dou por suposto) senón se os seres humanos temos dereitos animais pois animais somos, por moito que intentemos escondelo dicindo que as outras especies son animais e a nosa, humana. Xenófanes afirmaba que se os cabalos tivesen que pintar os deuses, pintaríanos con forma de cabalo. Eu digo que se os cabalos estiveran tan aburridos como para dedicarse a clasificar o reino animal, porían no cumio da pirámide os seres cabalares, e ao resto, incluídos os humanos, chamaríannos animais. Non dubido que o mesmo faría o resto de seres vivos, desde os grandes simios ata as pequenas formigas. Sinto contrariar os ecoloxistas pero non creo que a soberbia sexa unha característica exclusivamente humana. De feito, cando os cans me ladran ou as avespas me pican, síntome obrigado, como profesor de Ética, a insultalos chamándolles especistas. Non teño ningunha dúbida de que consideran a súa especie superior á miña.

     O caso é que a semana pasada a muller decidiu adoptar un can (por suposto, sen consultarmo) que lle ofreceron uns amigos porque ían abandonalo, e agora, en vez de ter os debates animalistas na aula, téñoos na casa. E en vez de ser debates teóricos e académicos son debates prácticos e de convivencia cotiá. E non coa muller senón, por coherencia e porque me gusta estar á última na miña profesión, co mesmísimo can. Porei un único exemplo como cifra do conxunto. O can, que estaba habituado coa anterior familia a botar a sesta no sofá, colleu o costume de deitarse no meu sofá preferido. O primeiro día, por suposto, boteino, pero o castigo non xurdiu efecto, e agora, cada vez que abro a porta da sala, roña de forma agresiva ao tempo que a muller palmea o sofá grande invitándome a sentar ao seu lado. O meu instinto animal pídeme tirar o can do sofá sen ningún miramento, pero axiña penso (maldita deformación profesional) que se ten dereito de imaxe e de hábeas corpus, tamén terá dereito a descansar no sofá que lle pete. Por iso é tan importante para min saber se eu teño dereitos animais e se, en caso de conflito, prevalecen os dereitos humanos dos animais ou os dereitos animais dos humanos. E o peor é que aínda que prevalecesen os meus dereitos animais e me animase a denunciar o can, non tería ningunha posibilidade de gañar. Calquera tribunal superior con sentido común anularía unha sentencia ao meu favor por evidente defecto de forma. O can tería dereito a declarar e, polo que eu sei, ningún xulgado do mundo ten un tradutor simultáneo de idioma canino a un idioma humano, nin sequera ao alemán, que algúns expertos consideran do máis parecido.

4 comentarios en “Deuses con forma de can

  1. Prezada Magdalena:

    Si. As sortes adoitan ser pouco afortunadas para os touros. Teñan dereitos ou démosllos nós, parece claro que a nosa sociedade sería mellor sen un espectáculo baseado no seu sufrimento. Como ti ben dis, os touros agradeceríano moito.

    Non sei se o odio non crecerá tamén moito cando se reparte… Do amor ao odio…

    Todos os cans que tiven na casa tiñan unha tendencia moi obsesiva a aburguesarse… Non sei se iso os fai máis intelixentes…

    Apertas!!!!

  2. Graciñas a Deus que me mandou ao técnico para poder estar de novo con todos vos. Pero non sei si darllas de corazón porque antes mandou a tronada que me refitolou todo o cadro electrónico. Pero pensándoo ben, daréillas, por un siacaso.
    Os que temos cans, querido profesor, temos moita sorte, póis (aínda que para os touros as sortes solen ser pouco afortunadas) o amor é a única cousa que crece cando se reparte, e os animáis saben agradecelo moito.
    Alédame saber que gozas dunha compañía canina tan espabilada que sabe cal é o mellor sofá.
    Unha aperta dende o Brañal.

  3. Prezada Carmen:

    Xa teño dito algunha vez que para min o humor é ver por onde coxean as cousas. E o mesmo se pode dicir da filosofía, cando menos desde Sócrates. Se é certo que o texto é humorístico e profundo ao mesmo tempo, feliz me fas. Obxectivo cumprido.

    Non teño ningunha dúbida: o respecto (como profesor de Ética prefiro falar de respecto que de amor) aos dereitos dos animais é un avance moi importante e que, só por iso, unha sociedade é mellor. Pero tamén creo que, como noutros moitos ámbitos, estase impoñendo un exceso de sentimentalismo que edulcora e terxiversa o debate. Como ti ben dis, non é este lugar para profundar nestes temas, pero aí van dúas consideracións:
    a) Que unha persoa ame a súa mascota non indica que sexa unha boa persoa nin que ame os animais. Só significa que ama a súa mascota. Do mesmo xeito que se un ama o seu fillo non quere dicir que sexa unha boa persoa nin que ame os seres humanos. Simplemente ama o seu fillo, e amar un fillo non é un valor ético.
    b) Cando un humano di Amo os animais normalmente quere dicir Amo os animais que eu considero “amables”.

    Xa sabes que eu non considero necesario ningún misterio metafísico para amar. Nin a nivel individual (o amor sempre se me impuxo) nin a nivel social. Cos misterios non se pode construír convivencia ningunha entre diferentes. De aí que prefira falar de respecto. O respecto non necesita misterio ningún e pode razoarse a súa utilidade.

    Fortes apertas, máis fortes aínda despois desa agradable merenda!!!!

  4. Querido profesor:

    Ya que las vacaciones las estoy tomando como período de descanso del cuerpo y de la mente, he decidido dedicar mi tiempo a aquello que no me obligue a forzar ni lo uno ni la otra y, aunque tu entrada es interesantísima y profunda -a pesar del humor con que la tratas-, precisamente por esa razón prefiero no ahondar en un tema del que saldría malparada.

    Pero en mi corto entendimiento me aferro a algo que considero esencial en la vida: EL AMOR, y hasta me atrevo a decir que la experiencia del amor lleva implícito todo lo demás. Quien no vislumbre el ideal del amor y no se lance a vivirlo, no podrá entender nada. Para mí es la esencia de la vida (a pesar de pisar a diario hormiguitas). ¿Pero quién dio origen al amor? Esa es la cuestión… Es imposible entenderlo si no te aferras a la presencia de un profundo Misterio.

    Por supuesto que los animales, como seres que sienten y sufren, tienen derecho a una legislación adecuada para evitar muchas actuaciones inhumanas. Respecto a la actitud del animal hacia la persona, encuentro más complicado aplicar la ley.

    En cuanto a experiencias caninas: tuve ocho a lo largo de mi vida (hasta con pedigrí), siempre impuestas por mis hijos. Pero hace años tomé la firme resolución de no admitir más animalitos en mi casa; y no sólo por el trabajo que ocasionan, sino por los malos ratos que sufres cuando desaparecen por enfermedad, atropello, o lo que es peor: el momento en el que te comunican que el perro arrastra una toxoplasmosis y precisamente la hija encargada de cuidarlo está embarazada… (No se me había ocurrido antes, pero cualquier día cuento una bonita y triste historia sobre Kela, la perrita afectada de toxoplasmosis. Y su cuidadora…). Un abrazo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>