Do azar na arte

2zloSHgJ4jjeOCeNBGONNpFi3Ii7s4sAavHa9HjsFidel Vidal. Un coup de dés jamais n’abolira le hasard (Mallarmé). Nun chimpo atopamos o concepto de arte enfrontado ao de estética, na liña de Tàpies (A arte contra a estética) onde o ser humano é quen de se liberar de canons tradicionais e de vellas debilidades, como confundir arte con beleza, e ir máis alá do fermoso, do adorno, do decorativo. “Sen creación -afirma Winnicott- non hai máis que supervivencia”. De aí que xurdan novas experiencias, véxase surrealismo, arte povera, da-da, brut arte. Unha aposta pola a expresión da liberdade sen barreiras.

“Quero pór de relevo de que modo as ideas de espontaneidade fecunda e de creatividade sen freo, que eran indispensables para o proxecto surrealista, nutríronse de entusiasmos especiais por esas artes marxinais e inconformistas (…), a saber, a arte psicótica, a arte mediúmnica e obras comparables producidas por inxenuos, marxinais ou visionarios compulsivos” (Roger Cardinal, Visións Paralelas). Xa fose ante os produtos do transo hipnótico ou do delirio psicótico, ou do analizando entregado á asociación libre, ou, en fin, -continúa Cardinal-, “do automatismo surrealista, Breton vía unicamente a súa fonte común no inconsciente e a súa asombrosa demostración da fluidez diso que Freud chamaba o proceso primario“.

Sen embargo é necesario sinalar, no caso do delirio, da suposta creación delirante, a dificultade da fluidez, xa que logo, entre outras, o delirio ten a propiedade de manifestarse como crenza inamovible, o que conduce antes á rixidez que á maleabilidade, e non digamos á espontaneidade. Ao final, que será o principio, está o denominado proceso primario, pero non como o expón André Breton, o mesmo cando fala da produción onírica no durmir, tan lonxe (¿?) do control da vixilancia consciente. Máis aínda, porque se non queremos traizoar a Freud -ou si o traizoamos-, a asociación libre como “traballo” chocaría coa produción gratuíta (¿?) do transo hipnótico. Os resultados serían ben distintos.

Nesta liña poderíamos numerar outras formas de “loucura”, como as derivadas do consumo de drogas psicodislépticas, onde o contraste vai ser evidente entre a aparente “creación” do usuario, no caso de pintar ou executar unha melodía, e a recepción/decepción do espectador. Sempre se captaría un certo aroma a falsidade, as máis das veces monótona, e no caso de que xurdira algo válido, sería por azar, ese azar marabilloso que tantas e tan boas sorpresas se nos presenta ao longo da vida. As cousas xa están aí -as árbores, o solpor, as froitas, as paredes-, pero o artista vainos abrir os ollos (da alma?) para contemplalas ou facer visible o oculto (tan á vista), como cando tropezamos cuns trazos debuxados nun muro que nos poden suxerir a presenza dun Tàpies ou dun Twombly. Quen é antes, o muro ou o artista?

2 comentarios en “Do azar na arte

  1. Querido Fidel:
    Escribir para mín é un reto, un desafío que me propoño facer cada día. Moitas veces penso que son unha imprudente por meterme ao mar con xente de tanto calibre pero, como che digo, son unha temeraria. Aínda que son de natural proclive a emociòn de certos textos (como por exemplo daqueles que se expoñen na vitrina) hoxe, puxéstesme no trance de dificultades máximas para poder-saber, contestarche. Encantaríame ter esa ubicuidade intelectual da arte e da literatura para poder estar á altura que merece o teu texto. Non por iso, vou a deixar en blanco a resposta da que eres merecedor. Ahí vai un anagrama moi merecido.
    Sempre ves cargado de boas artes”TRAES-ARTES.

    Moitos castos biquiños desde o Brañal.

    1. Vivan as imprudencias e os desafíos de escribir cada día! Grazas querida e atenta Magdalena por ser como eres e por estar aí cada xornada lendo e compartindo connosco este Café. A miña altura neste ámbito non deixa de ser a dun diletante e unha forma de pasar o tempo. E máis nada. Bicos castos para o Brañal e mota saúde. SETES

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *