Inservibles

imagesMauricia Ces Quintáns. Se dou creto aos que me rodean, sería incapaz de medio erguerme da cama. Por exemplo, non sei facer unha ola de caldo. Para que querería vivir se non son quen de facer unha ola de caldo que satisfaga medianamente as expectativas de, tendo en conta a miña traxectoria vital, quedar de dez para arriba. Como mínimo de unha estrela Migueliño. Ben que mesmo se podería argumentar en contra dese mérito, que vaia mérito, que non saben os altos cociñeiros facer unha ola de caldo ao dereito…. ou acaso recibiron eles o afago da panadeira polo marabilloso olor que sae da cociña cando vén deixar o pan? Que nin sequera o unto que usan vale, que parece de plástico, que non é de porco da casa como Deus manda, criado cos lavaxos das sobras como Deus manda e as lavaduras de  fariña, tonas de pataca e verduras fervidas, servidas con primoroso amor aos cochos no seu cómodo apousento de palla no cortello individual ou aparellado!

O mérito, en todo caso, é do porco, pero maiormente de saber quitarlle partido polas mans de toda a vida, reconvertidas en ordes extensoras, nunca ben cumpridas. Se hai un fallo nunca é do instrutor, senón do instruído, ou dun descoñecido que pasaba inadvertidamente. Nunca aprenderá. Toda unha vida de ensinanzas tiradas ao lixo.

Produce satisfacción e alonga a vida saber con certeza que a terra se move porque o sol a goberna. Sen menosprezar o valor da recompensa, a sensación reconfortante de crer que se realiza. Fronte á incompetencia dos inservibles.

 

 

2 comentarios en “Inservibles

  1. Moitas veces sería mellor non saber facer unha ola de caldo, querida Mauri, así as costas non estarían tan esmendrelladas.
    Disque lle debemos aos fenicios dous productos esenciales da nosa mesa: o viño e o porco. Son motivos suficientes para estarlles agradecidos, non cabe dúbida, xa sabes aquilo de que do porco aproveitase todo, hasta os andares.

    Produce satisfacción e alonga a vida tamén, ler a variedade de argumentos que nos mostrades cada día, mentres a ola do caldo fai chup, chup, na cociña.

    Unha forte aperta palmeirana.

    1. O argumento sáese de calquera guión, pero disque non hai tolo sen idea.
      Menos doado é criar porcos e galiñas cando o corpo vai esmendrellado e a cabeza persiste na obriga. Case mellor reformar o cortello e o galiñeiro e adicalos a aluguer de vacacións. Claro que, canto se agradecen agora que vén o inverno… Grazas, fenicios¡

      Vén o vento de Palmeira e dime que cociñas ben o caldo, e dáme o nariz que lle botastes galiña. Bo proveito¡.

      Unha aperta grande, Magdalena.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>