“Verbas de paleta”. A forza do contraste

As Letras da Arte. ImaxeEme Cartea. Referímonos a Carme Sampedro, que acaba de expor no Centro Empresarial do Tambre a serie “ELA”, en vermello sobre negro, 20 acrílicos de gran formato fusionados cos seus poemas en galego, de temática cordial. Un conxunto coreográfico de tensión e dinamismo onde a figura aparece como conxelada no tempo a modo de proxección fotográfica, e animada pola xestual lixeireza da pincelada, de poderosa e sensual expresiviade matérica.

Sabemos que esta proposta supón unha radical mudanza na prometedora carreira desta artista plástica atrapada na súa íntima necesidade de crear, e que nós, os espectadores, ficamos arraféns do seu magnetismo visual, tinxido de intenso e extenso simbolismo emocional.

Figura de muller, beleza carnal ao tempo que dinámica, que amosa orgullosa e altiva as cruentas e inacabadas conquistas de xénero. Figura latente, fotorrealista, petrificada pero en proxección creadora, nese espectáculo de obra total que é a danza como metáfora de control espazo-temporal dos corpos.

Aí están os trazos desgarrados que nos anoan co expresionismo de signo informalista, esas pinceladas-mancha soltas e case neuróticas liberadas da potestade da razón. Parafraseando a famosa frase de Lucian Freud, diriamos que Carme Sampedro pinta a muller “polo que é e tamén polo que lle gustaría ser”. Todo, neoexpresionismo, xestualidade, presentación dramática, pigmentos, tons, xogos de luz e sombra, contrastes… conflúen na creación dunha estética lorquiana, dura, dramática, efectista.

Arte recoñecible pero nas marxes da figuración e da expresión, do que se ve e se sente, do que se di e se cala. Percepción esencial da alma humana como unha especie de performance que aflorase retallos do inconsciente liberado. O oculto “invisible aos ollos” do Principiño, a pel –territorio de estremecemento e de cicatriz– como o máis profundo dos espellos a atravesar, o transido rostro, as mans que debuxan misterios de liberación e caricia.

Rostro en transo, humano demasiado humano, que procura a nosa empatía, a catarse liberadora de hybris, orgullos e demais infortunios. Cadro-arte, cadro-vida, liña que une e separa a luz e a sombra, onde acaecen os soños. Carme Sampedro descóbrenos a emoción xestual e instintiva sen recorrer a ocultacións eufemísticas: ELA resume, sintetiza, fusiona o mellor e o peor da traxicomedia como doce poética de extremo vigor.

E logo o ton negro (dor, loito, escuridade, medo… misterio, rebeldía, drama, Poder), asociado ao vermello (paixón, violencia, amor, frenesí, Poder) a enfatizar a beleza. Poder… poder… “empoderamento”!

Pero hai máis: hai poesía mesturada coa cor. O tópico: “A poesía é pintura que fala e a pintura é poesía muda” (Simónides de Ceos), chega a nós da man de Carme Sampedro como unha longa alegoría simbiótica que nos invitase á contemplación da imaxe poética.

Porque, pese á traxedia cotiá, somos quen de perseguir e acadar un soño… en cada pincelada!

Un comentario en ““Verbas de paleta”. A forza do contraste

  1. Bos días, Manolo:

    Descoñezo a obra de Carme Sampedro, pero léndote, xa dan ganas de ver a serie “Ela”.
    Moitas grazas.
    Saúdos dende Palmeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *