Paisaxe construída da ría de Muros-Noia

Rúa Alexandre Cadarso (Campo de Noia), na mirada de José Manuel Casas Torres (1943)
Rúa Alexandre Cadarso (Campo de Noia), na mirada de José Manuel Casas Torres (1943)

Pedro García Vidal. Non será antes das primeiras décadas do século XX cando apareza unha forma especificamente xeográfica de achegarse ao feito urbano. No estado español podemos dicir que non será ata datas posteriores á Guerra Civil, e con notable atraso respecto a outros países europeos, cando aparezan os primeiros traballos específicos deste xénero.

De entre as achegas a salientar no campo de investigación da xeografía urbana é preciso sinalar a importancia da figura de José Manuel Casas Torres, catedrático da Universidade de Zaragoza dende 1944. A importancia de Casas Torres vén dada, non só polas súas propias publicacións sobre espazos urbanos, senón, sobre todo, por ter dado pulo na década de 1950 a varias teses de doutoramento de Xeografía Urbana.

Extenso artigo

Sobre la geografía humana de la ría de Muros y Noya. Con este significativo título aparecía no número 12 da revista Estudios Geográficos, correspondente a agosto de 1943, un extenso artigo —páxinas 559-623— da autoría de Casas Torres, referente á ría de Muros-Noia.

A mirada atenta do xeógrafo contempla o resultado da transformación producida no espazo construído da ría de Muros-Noia nos anos da industrialización pero ao mesmo tempo sinala igualmente un novo tempo que xa está a agromar, do cal se perciben certos sinais: Noia, abandonada practicamente a actividade pesqueira, centrada nunha actividade mercantil que apunta xa ao declive, camiña decidida cara a priorizar a actividade comercial e administrativa para, definitivamente, baseada no seu valor de posición que fai dela «la cabeza y el corazón de la Ría y toda la vida de las dos orillas viene a confluir en ella», vivir de costas ao mar.

Muros, pola contra, a pesar de desenvolver un pequeno comercio, segue a ser «plenamente marinero, y el mar impregna todos los aspectos externos de su actividad», de aí que unha dependencia tan exclusiva da pesca vai dar lugar a que Muros sexa «una población estacionada que desde hace siglos no crece».

Encrucillada de Outes

A estratéxica posición da Serra de Outes, nunha encrucillada de vías, favorece a celebración de feiras e mercados aos que acode unha numerosa poboación dos arredores, que contribúe a unha renovación da súa paisaxe construída. Porto do Son, pola contra, decrece rapidamente «arruinado por la pesca ‘al arrastre’ que se practica en la Ría, y la inseguridad de su puerto, imposible de ganar en días de temporal, y muy desabrigado».

O porto de Portosín, cunha situación semellante en canto á exposición aos temporais, por mor da instalación de fábricas de salgadura e conserva «actualmente está prosperando mucho». E unha puntualización importante respecto a ambos os dous asentamentos «uno y otro acogen durante el veraneo algunos contingentes de santiagueses que pasan los meses estivales en la Ría». Estaba iniciándose unha actividade que vai ter repercusións notables nas décadas seguintes: o turismo, que se ben a súa presenza naqueles momentos iniciais «no se ha reflejado en la construcción de edificios que desentonen del resto de los de estos lugares», si vai facelo, e dunha maneira brutal, nos anos seguintes.

Un conxunto de 30 fotografías seleccionadas, a maioría realizadas polo propio autor referidas ás diferentes paisaxes presentes na ría completan unha excelente radiografía do espazo rural e urbano na ría de Muros-Noia nos anos corenta do pasado século, xusto os tempos previos á gran transformación que vai ter lugar só uns anos máis tarde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *