Pilar Sampedro. Unha obra de María Canosa con ilustracións de Luz Beloso, publicada por Galaxia. Un libro de divulgación científica, deses que tanto precisamos na escola e en galego, que se presenta con esta alegría: “Sabías que os cascos protectores inventáronos os paxaros?, ou por que hai espellismos? A que non te decataras de que hai animais que nunca beben auga?, ou, por que o número pi é infinito e non remata nunca? Neste libro has atopar unha morea de curiosidades científicas relacionadas co noso día a día, pero que teñen un funcionamento moi complexo”.
Unha dedicatoria aos pais que sempre alentaron a curiosidade. Un limiar do científico Ángel Carracedo que habería que colocar a modo de cartel nas aulas; nel explica como a indagación e a literatura comparten imaxinación porque curiosidade e creatividade son a base da investigación científica e da arte literaria, ao tempo defende a capacidade de asombro: preguntarse o porqué das cousas e quedarse abraiado coas respostas, ou coa compresión de que algunhas preguntas aínda non a teñen; para rematar afirmando que os mellores científicos son os que conseguen manter esa pregunta constante sobre o mundo que nos rodea, así como a admiración e o entusiasmo ante o descoñecido (como a rapazada).
E porque entender o mundo nos fai máis libres (en palabras do científico) ponse María á tarefa de explicárnolo. Nunha linguaxe clara, amena e natural vainos despexando incógnitas baixo títulos como “As estrelas nin tililan nin titilan”, “Realmente é o ceo azul?” ou “Imos perdendo ósos”. Paso a paso, vai dando razón de como se comporta o formigón armado, da historia do cero ou da torre Eiffel, do funcionamento dos espellismos… Esas “Pingas científicas”, das que nos fala o subtítulo, teñen sentido despois da fórmula da auga, pero tamén pola presenza que esta ten ao longo dos capítulos, ese elemento básico da vida. Xogando coa creatividade e poñendo o coñecemento ao alcance da rapazada, demostra que por fin se uniron eses dous canais nos que ela se move con total prestancia: a enxeñería e a literatura.
Agardamos futuros libros que complementen este. Pequenas exposicións que poñan nas mans da cativada a información, ao tempo que a divirte e xoga coas palabras e os sentidos.
Despois da súa incursión no ensaio a través da biografía en Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa, publicada por Bululú, este magnífico título no que se mestura a fórmula química H2 e o asombro dese Oh!!!, contamos cunha escritora que sacha en todos os campos con espléndidos resultados.