Víctor Barbeito Pose/Julián Bustelo Abuín. Cacheando por unhas notas sobre achados antigos na comarca do Barbanza, atopamos unha referencia curiosa: resulta que o cóengo, historiador e arqueólogo don Antonio López Ferreiro (1837-1910), mestre de Arqueoloxía Sagrada e que, xunto con José María Labín Cabello e dous operarios, foi o primeiro que escavou na Seo compostelá á procura dos restos do apóstolo Santiago. Sería en 1879, e logo de varias xornadas nocturnas de escavación, cando deron cos restos óseos atribuídos ao Apóstolo e aos seus discípulos Atanasio e Teodoro que, a pesar de estar baixo a protección do cardeal Payá i Rico, chegoulle a causar algún desgusto; a pesar diso, e grazas aos descubrimentos, o papa León XIII promulgará en 1884 a bula Deus Onmipotens confirmando a autenticidade das reliquias do apóstolo Santiago o Maior.
A fábrica e almacén de salga está a un tiro de pedra da igrexa de San Sadurniño de Goiáns, lugar no que se atopan os restos dun sartego aparecido en xuño de 1992 durante a remodelación do interior da igrexa, que estaba reutilizado como lousa de pavimento. Trátase dunha placa de mármore branca decorada e con campo epigráfico en distinto estado de conservación que dificulta a súa interpretación. Algún especialista ten apuntado que a procedencia da peza é do norte de Italia, de arredor da primeira metade do século V d. C., o que pon de relevo a existencia dun dominus cun alto poder económico e, seguramente, social e político. Unido a isto, no contorno téñense recuperado restos de tégulas e algúns anacos de cerámicas romanas de alta calidade, amais da localización dalgún outro elemento significativo.