Xerardo AgraFoxo. Aquela xornada era festiva por celebrarse o Día da Conciencia Negra. Os actos comezaran uns días antes na capital estatal. Coincidindo con esa celebración, o xornal Folha de São Paulo publicara este diálogo nun consultorio hospitalario da contorna:
–Vostede é o médico?
–Si, son eu.
–Como?
–Señora, pode entrar.
–Non vou entrar. Non quero ser atendida por un “preto”.
O Dr. Roberto chamou o próximo paciente e continuou co seu traballo de maneira natural, como se nada tivese acontecido. O crime do racismo foi no 2014, pero ficou gravado na memoria del coma se fose onte.
Despois de ler o xornal, sentei na praia de Santos cunha parella de São Paulo que me explicou como xurdira o Día da Conciencia Negra no Brasil:
–Celébrase cada 20 de novembro. A data coincide coa morte no ano 1695 de Zumbi dos Palmares, o líder dos escravos.
–Como o mataron?
–Zumbi foi asasinado nunha emboscada e a súa cabeza exhibida nunha praza pública. Os colonizadores vingáronse del porque logrou formar unha República negra que chegou a máis de 20.000 habitantes.
A execución de Zumbi foi un terrible escarmento para evitar outras revoltas semellantes. O poder colonial, para defender a súa cobiza, ameazaba sempre coas súas gadoupas de ferro.