Angra dos Reis

6bXerardo AgraFoxo. Cando divisei o centro histórico, detrás do cal se adiviñaban uns curutos habitados, entrei na Oficina de información e turismo. Ao cruzar o seu limiar vin un cartel que me deixou abraiado. Con letras amarelas, sobre un fondo negro escuro, reflectíase unha explícita mensaxe: “Ajude o 33º BPM a combater o crime em Angra dos Reis. Denuncie. Criminosos. Escondedeiros. Armas. Drogas. Anonimato garantido”.

–E ese anuncio?

–Unha banda de criminosos, fuxindo da policía de Río de Xaneiro, refuxiouse nos morros de Angra dos Reis. Como son bandidos moi perigosos, recoméndolle que non saia do centro histórico e do paseo marítimo.

–Houbo algunha morte?

–Nestes días, na favela da Carioca, a policía matou tres bandidos. Son xente moi perigosa.

Ao entrar na cidade reparara nun cartel cunha mensaxe sorprendente: “Se o paraíso existe, non está lonxe de aquí”.  Sacudín a cabeza varias veces. De que paraíso estaban a falar?

–É a loita polas drogas?

–Claro, señor.

–Ten algo que ver O Comando Vermello ou o Primeiro Partido da Capital?

–Como sabe iso?

–Algo me contaron.

–En efecto, señor. É unha guerra entre eses dous grupos para controlar o narcotráfico nas favelas de Río. A maioría fuxiron da Baixada Fluminense e da Maré. Sabe quen é de aquí?

-Non.

–Claudino da Silva, un dos xefes do Comando Vermelho.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *