Galicia e os galegos na poesía castelá CLXVI. Francisco Sá de Miranda

Francisco_sá_de_miranda-1885-bnpRomán Arén. Nos séculos XVI e XVII non foi infrecuente que os poetas portugueses rimasen tamén en castelán, a miúdo glosando cancións populares (vilancetes). Isto ocorreu xa antes do período dos Filipes, cando as dúas coroas estiveron representadas polo mesmo rei. Bastarían os nomes de Gil Vicente e de Luis de Camoes como exemplo, deixando fóra os autores portugueses establecidos na corte española e que empregaron case unicamente o castelán como lingua literaria. A estes nomes ilustres debe unirse o de Francisco Sá de Miranda, que cumpre en Portugal o papel de Juan Boscán en España: introducir a poesía italiana. Miranda naceu en Coímbra arredor de 1480-1481 e morreu en Quinta de Tapada en 1558. Como introdutor da métrica italiana na lingua portuguesa escribiu sonetos, églogas, epístolas e himnos. Bo helenista foi tamén dramaturgo (Os estranxeiros; Os vilhalpando) e as súas Poesías non se editaron ata 1595. Mais Sá de Miranda cultivou tamén os metros de arte menor, como amosa o poema que José Manuel Blecua inclúe na súa escolma da poesía renacentista e ditada por Castalia e reimpresa en 2019. Na glosa “a este vilancete velho” non saímos moi ben parados os galegos, mais é certo cá aldraxe estaba xa na copla popular:

Sola me dejastes/en aquel yermo,/villano, malo gallego.

Velaí a glosa:

A dó te fuiste/voy, y no sé adonde;/el valle responde,/tú no respondiste;/moza sola y triste,/que llorando ciego,/pasástelo en juego./Por yermos ajenos/lloro y grito en vano,/gallego y villano,/¿qué esperaba menos?/ojos d’agua llenos,/el pecho de fuego/¿cuándo habrán sosiego?

Na antoloxía de Blecua da poesía castelá do Renacemento figuran outros poetas portugueses: Luis de Camoes, Pedro de Andrade Caminha, Diego Bernardes, Antonio de Melo e Jorge de Montemayor.

Só dúas mulleres (Teresa de Xesús e Isabel Vega) entre 91 poetas. Ningún galego está presente, pero, podería ser incluído algún? Quzais Isabel de Castro e Andrade, a vicecondesa de Altamira, co seu soneto “A la rosa”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *