Galicia e os galegos na poesía castelá CLXVII. Pedro de Padilla

cancionero-padillaRomán Arén. Pedro de Padilla nacera en Linares en 1550, foi cabaleiro do hábito de Santiago e en 1580 editou o Tesoro de varias poesías, en 1582 as Eglogas pastoriles e en 1583 o Romancero. En 1585 fíxose carmelita calzado e publicou Jardín espiritual. Non hai acordo sobre a data da súa morte, pois uns anotan 1595 e outros, 1600 en Madrid. É tamén famoso como tradutor e porque o alude Cervantes no capítulo IV do Quixote, no famoso episodio do expurgo da biblioteca de Alonso Quijano. En 2008 José L. Labrador Herraiz e Ralph A. Difranco editaron en Guadalajara o Thesoro de varias poesías, pero xa Fredo Arias de la Canal editara en 2006, en México, unha Antología del Romancero de Pedro de Padilla. Cómpre lembrar que Padilla glosou nunha canción o poema de Camoes “para una dama gallega”. Aínda se pode incluír entre as súas obras Grandeza y excelencias de la Virgen Nuestra Señora. Compuestas en octava rima, publicada en 1587 e que inclué textos doutros autores. Só coñezo de Padilla o Romancero e algún outro poema nas escolmas. Só atopo unha alusión ao padrón de Galicia, Iago, no “Romance del valerosísimo cavallero Don Fadrique Enríquez, segundo deste nombre y quarto almirante de Castilla”:

Y dándoles aquel día/Victorioso Santiago,/de la razón que tenía/a su gran valor ayudado,/a muchos traydores quita/las vidas y el nuevo mando,/enfrenando el alboroto/común, creal y tirano.

O adxectivo “común” é unha alusión ás comunidades de Castela que se enfrontaron ao rei Carlos I.

Padilla foi tamén autor de vilancicos, e quizais é posible que conteñan alusións aos galegos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *