Parcelario e historia urbana

Rehabilitación dunha vivenda en Santiago realizada polo estudio de arquitectura 2es+.

Rehabilitación dunha vivenda en Santiago realizada polo estudio de arquitectura 2es+.

Pedro García Vidal. O pasado das vilas e cidades atópase escrito na súa paisaxe construída. Camiñar a cidade de vagar, admirar as súas arquitecturas diversas que nos falan das diferentes sociedades que a poboaron, nunca esgotará a nosa capacidade de sorpresa ante a innumerable cantidade de novas e inéditas descubertas. Pero no compacto conxunto edificado todo se volve completamente anónimo. Soamente o edificio de carácter singular rompe a monotonía para acaparar a nosa atención. Porén, unha mirada interesada permitirá decatarnos de que algúns elementos presentes, menos aparentes e visibles, proporcionan valiosa información sobre a xénese mesma do establecemento urbano.

As parcelas, xunto coas rúas, son os elementos de maior perdurabilidade do espazo construído. Por iso, o parcelario constitúe un elemento indispensable na comprensión da forma urbana. Remítenos, ante todo, á estrutura da propiedade, e a súa xénese debe explicarse a partir dela. Pero tamén é esencial para entender os usos do solo. No tecido parcelario está escrita a historia da cidade.

Como unha especie de ADN particular, a división parcelaria constitúe unha pegada imperecedoira das primeiras xeracións que poboaron o establecemento urbano. A parcela destinada a albergar a casa dunha familia nuclear era á súa vez unidade fiscal e unidade compositiva da nacente vila. O plano parcelario era o punto de arranque da vida urbana, o elemento orixinario, xenerativo en todas as ordes. Máis tamén como instrumento estruturador da distribución de rendas urbanas.

Resiliencia

Na actualidade, a pervivencia do parcelario medieval en vilas e cidades históricas permite achegarnos a un coñecemento aproximado do espazo destinado á edificación. A contemplación da vivenda que aparece na fotografía, rehabilitada polo estudio 2es+ na cidade de Santiago de Compostela, pon de manifesto a resiliencia do parcelario antigo. Nun momento inicial do establecemento urbano debeu procederse a un reparto equitativo. A cada veciño vai corresponderlle un lote co obxecto de que aí constrúa a súa vivenda e así pase a formar parte da comunidade que está a nacer. Sabemos que estas pezas de terreo, denominadas na documentación como formais, e que hoxe coñecemos como solares, constitúen o coñecido como parcelario medieval.

As dimensións permitidas ás vivendas de nova edificación correspondían cos dous tipos de soares aos que tamén corresponderían tipos diferentes de impostos. O tipo de tamaño máis corrente sería aquel que viría ter uns catro metros de fachada e un fondo duns oito metros.

Porén, existía outro tipo de soar máis pequeno, de medio formal, que estaría reservado para aqueles cidadáns dun menor poder económico, co resultado dunha vivenda de dimensión sumamente reducida con fachada de dous metros que só presenta unha porta e ventá sobre ela.

A forte pervivencia que o escenario físico en que se desenvolve a vida dunha sociedade vai ter no tempo, vai facilitar que esta particular forma de repartir o espazo chegue ata a actualidade. Por iso é tan importante respectar o parcelario antigo, pois aínda na ausencia de testemuñas escritas, a análise deste elemento achega importante información do grupo social que se estableceu no lugar. Unha pequena parcela pode supoñer todo un desafío para un arquitecto ou propietario. Son pequenas, si, pero coa carga histórica que atesouran, posúen case máis encanto que moitas maxestosas mansións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>