Moral e redes sociais

c22f978105f4295bcd7e01717a56785fFidel Vidal. Caer nas redes supón ser alcanzado por un tecido que nos vai reter. Sen embargo, como acontece coas redes eléctricas, para nos evitar males maiores, é necesario “facer masa”, e no caso que nos atinxe, “facerse masa”. Situación onde cada un de nós conta unicamente como masa, ocasión para sermos neutralizados na mesma, ao ensumir nela toda enerxía social e política. Porque as masas absorben, consumen por completo “toda a radiación das constelacións periféricas do Estado, da Historia, da Cultura, do sentido. Son a inercia, o poder do neutro”. “Só fan masa os que están liberados das súas obrigas simbólicas, ‘rescindidos’ (collidos nas ‘redes’ infinitas) e destinados a non seren máis que a innumerable terminal dos mesmos modelos, que non son quen de integralos e que non nos producen finalmente máis que como desperdicios estatísticos” (Baudrillard, Á sombra das maiorías silenciosas).

Ficamos ben enredados. A rede -nin masa nin grupo- aparece como algo neutro, á deriva, pero unha deriva controlada e organizada. Neutro significa nin un nin outro (ne-uter). Se acaso indiferenza. Nesas augas navegan os internautas, que manteñen un ritual pseudo-relixioso (re-ligare) mediante códigos de acceso e movementos de dedo ou de rato. Agroman como fabricantes de masas. Son esas masas o espello do social? “Non -responde Baudrillard- non reflicten o social, nin reflexionan sobre o social; son o espello do social que vén romperse contra elas”.

O verdadeiro engano dos media está na súa capacidade de máis información e culturización das masas. Un propósito falso e falseado, dado que na realidade non se eleva o nivel cultural, nin sequera vai xerar unha maior interacción comunicativa. Os medios de comunicación de masas só fabrican homes-masa, usuarios. E non por culpa dos medios senón pola propia dinámica das masas, famentas e devastadoras. Todo é comestible. O mesmo se di da televisión, que devora todo o que lle boten. E o individuo é capaz de autoenganarse abonándose a novos programas, nacionais ou estranxeiros, coa desculpa de ampliar a cultura dos cativos e aprender idiomas, cando no fondo o que vai facer é ampliar as posibilidades de zaping, ou ver películas porno.

O usuario fascínase ante a pantalla, coa potencialidade de conectar con “todo o mundo”, aquí e agora, onde sexa e durante todo o tempo. O mundo ao alcance do meu teclado. Entón os signos corren o risco de perderen o seu significado. A masa funciona e móvese a través do espectáculo, non da produción de reflexión ou de sentido. Un sentido “que se traduce polo imperativo sen cesar renovado de moralización da información: informar mellor, socializar mellor, elevar o nivel cultural das masas, etc. Parvadas: as masas resístense escandalosamente a este imperativo da comunicación racional”, afirma rotundamente Baudrillard. As masas non se expresan, sóndanse, enquísanse. Musil (Diarios), noutro contexto, apunta máis lonxe: “Os homes forman unha masa extraordinariamente indiferente fronte a calquera cuestión moral”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *