Galicia e os galegos na poesía castelá CLXXII. Leandro Fernández de Moratín

Portrait Of The Poet Leandro Fernández De Moratín (1760-1828)Román Arén. Para que calquera coñeza o repertorio fundamental da literatura castelá, o nome de Leandro Fernández de Moratín (1780-1828) vai asociado ao teatro, pois é considerado o mellor dramaturgo español do século XVIII e aínda hoxe en día os estudantes adoitan ler no bacharelato a comedia El sí de las niñas. Ademais, os que se interesan pola historia saberán que foi afrancesado, amigo de Goya e que morreu exiliado en París. Pero Moratín fillo (seu pai, Nicolás Fernández de Moratín foi tamén poeta) foi un poeta importante aínda que ás veces algo esquecido, pero que escribiu varios poemas que figuran merecidamente nas antoloxías, sobre todo a elexía “A las musas”:

Esta corona, adorno de mi frente,/esta sonante lira, y flautas de oro,/y máscaras alegres que algún día/me disteis, sacras musas, de mis manos/trémulas recibid, y el canto acabe,/que fuera osado intento repetirle…

Foi o autor poeta elexíaco, satírico, lírico e epigramático, ademais de tradutor de Horacio e Shakespeare. Hoxe contamos cunha edición das súas Poesías completas (Barcelona, 1995) a cargo de Jesús Pérez Magallón. Medra, asemade, o interese pola súa prosa, que conta con edicións contemporáneas. Non abundan as referencias a Galicia na súa obra, aínda que algunha hai. No romance satírico de 1822 que comeza “Virgen santa del Rosario…”, hai unha alusión burlesca:

En la gran ciudad de Coria,/que por poco no es gallega,/vivía don Juan Andrés,/un hidalgo de Alcobendas.

O comentarista da poesía de Moratín, Pérez Magallón, anota “hay una Coria en Cáceres, pero dado el tono burlón debe referirse a Coria del Río, en Sevilla”. A burla vén porque queda lonxe, case tan lonxe como Galicia.

Non faltan as alusións xacobeas, e así no romance hendecasílabo “La toma de Granada por los Reyes Católicos, don Fernando y doña Isabel” anota a “Y otro Almanzor del templo de Santiago/renovará el incendio y la rüina”. Naturalmente alude á expedición de Al-Mansur a Compostela no ano 997.

No tivo moitos galegos que estudasen a súa obra, pero Sánchez Cantón dedicoulle un interesante artigo en 1946 (“Moratín, josefino, en la interpretación de Lenguas”) no <Correo Erudito> e tamén o ourensán José Luis Varela se ocupou del en “Moratín dimite”, incluído en La palabra y la llama (Madrid, 1967).

Aínda se pode atopar outra alusión a nós, esta vez á fama, en parte verdadeira, de que a maioría dos criados en Madrid eran galegos. Figura no poema satírico “El Filosofastro”, que antologa Polt, que leva por antetítulo “Epístola a Claudio”:

…cedí al encanto/de su elocuencia, y vieras conducida/del rústico gallego que me sirve/ancha bandeja con tazón chinesco/rebosando de hirviente chocolate…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *