Curro

curroCarlos Mosteiro. É nas Canizadas. No Curro das Canizadas, na Curota pobrense. Pero iso non importa. Porque a imaxe, como todas as imaxes, como nos amosou Roland Barthes, transcende, fálanos, chama pola mirada. Non quero homenaxear o que hai aquí de festa, de tradición, de mistificación da violencia metamorfoseada en amor antropolóxico. Non. A mirada é outra. Se hai beleza neste acto, non está na tensión agonística dos homes que se aplican no mandato ancestral de sometemento. A mirada váiseme ao cabalo. Porque aquí o grandioso está nos ollos do animal, nesa procura serena, case melancólica da cámara; sen tensión, sen drama, coma se soubesen transcenderse e fuxir do momento, atacados por ese relampo de lucidez case humana que sabe da inutilidade da loita, como se asumisen que non estamos aquí para gañar, que non é esa a cuestión. E por iso paréceme que o home é o derrotado, o que queda en evidencia. Porque esa serenidade do cabalo é sabedoría que ao animal lle vén dos devanceiros, dos que foron antes ca el. Esa sabedoría «sabe» da insignificancia, da pouquidade, da inutilidade de todo acto. E o coro indiferente de espectadores ignora que o que en realidade se está a dilucidar non é quen gaña senón quen ve o que hai máis alá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *