Buscando un beso a medianoche, de Alex Holdridge

Buscando_un_beso_a_medianoche-923522451-largeCarlos Mosteiro. Hai xa algún tempo lin unha entretidísima novela de César Mallorquí, Las lágrimas de Shiva. Xa non lembro case nada do seu argumento (adoita pasar coas novelas entretidísimas), pero hai unha escena memorable que si me quedou gravada e que, dalgunha maneira, fagozitou en min a memoria mesmo da novela impedíndome lembrar nada máis que ese pequeno acontecemento. É contra finais dos anos sesenta. O rapaz protagonista atópase en Santander na casa duns tíos, onde está a pasar as vacacións de verán. O mozo está desesperado, na casa  non hai televisión (como en case ningún fogar a altura de 1969) e el precisa unha como sexa. En poucos días van transmitir a chegada do home á lúa. O tío observa a angustia do rapaz, e como é moi mañoso e ten coñecementos de electrónica, decide facer un aparello para que o sobriño non se perda “aquel pequeno paso para o home pero grande para a humanidade”. Cando o prende aparece na pantalla aquel debuxo xeométrico feito de cadros, círculos, triángulos, que os que son do meu tempo lembrarán perfectamente, a “carta de ajuste”.buscando 2 O home, que nunca antes amosara interese pola televisión, e que non a tería construído se non fora pola ansiedade do sobriño, púxose a mirar para o artefacto. E así estivo durante quince minutos. Quixo apartar a mirada pero non puido, tal era a forza hipnótica que o cachibache exercía sobre a súa vontade. Cando, con non pouco esforzo, foi quen de desfacerse do engado sentenciou: “Este é un aparello perigoso”

            Certo. Poñerse diante da televisión hoxe é moito peor que un acto rutineiro, é mecánico, reflexo. Inda por riba logo atácache un desacougante sentimento de culpa por ter elixido esa forma de perder o tempo, podendo optar por calquera outra menos culpable. Inda así, ás veces prodúcese o milagre. Como hai uns días. Unha película que te prende dende o principio, “Buscando un beso a medianoche”, unha produción independente de 2007, dirixida por Alex Holdridge e interpretada con solvencia por Scoot McNairy e Sara Simmonds. Wilson ten 29 anos e chega a Los Ángeles coa intención de esquecer as súas desgrazas. Rompeu coa súa moza, o seu coche deixouno tirado en Arizona, e ademais roubáronlle o ordenador que contiña varios guións nos que estaba a traballar. CAH-Buscando-un-beso-a-medianocheSen plans de ningunha clase atópase con Vivian que tamén é de Texas. Chegou a Los Ángeles para se converter en actriz e acaba de abandonar o seu noivo. Xuntos viven as últimas horas dun ano que remata e as primeiras dunha historia que comeza. Encantadora obra de baixo orzamento na tradición de “Antes del amanecer” de Richard Linklater, fotografada en branco e negro, fermosa e melancólica. Evoca un pouco  a “Manhattan” de Woody Allen, con sabor gorentosamente agridoce para darlle densidade e substancia e as doses de enxeño suficiente como para facela entretida pero en absoluto liviá, co ton xusto de tristura para facela crible e fuxir do foron felices e comeron perdices.

            Non vola perdades se a volven poñer. É unha pequena xoia indie.

 

Un comentario en “Buscando un beso a medianoche, de Alex Holdridge

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *