O escultor noiés máis internacional do século XVIII: Felipe de Castro

felipe de castroDolores Villaverde. Unha vez máis, coma en varias ocasións do que se leva publicado no suplemento A voz de Barbantia, será a vila de Noia o berce do autor que imos  lembrar nestas  Letras da Arte, Felipe de Castro, quen foi non só un artista distinguido no noso país senón que chegou a ser dos máis importantes de España, e incluso de Italia, converténdose nun tallista mundialmente coñecido, pero que hoxe en día para os “profanos” na historia da arte posiblemente sexa un  descoñecido, quizais porque destacou sobre todo fóra de Galicia. Sábese que naceu en Noia no 1711, manifestando dende neno a súa vocación pola escultura.

É tamén coñecida a súa formación co paisano e veciño Diego Fernández de Sande (do que xa se fixo unha lembranza na Voz de Barbantia) pasando máis tarde a  Santiago de Compostela, onde perfecciona os seus estudos con Miguel de Romay, un dos retablistas e escultores  máis importantes do barroco galego.

Pouco tempo despois decide coñecer mundo e mellorar a súa arte. Así, pasará a Lisboa, e máis adiante chega a Sevilla onde consigue introducirse na corte de Felipe V. Grazas a cartas de recomendación, vai a Roma coa teima de converterse nun gran escultor, e chegará a ser discípulo de Maini e Valle. Pouco despois de subir ao trono Fernando VI, foi chamado á corte española  e, por méritos propios, convértese en primeiro escultor da Súa Maxestade e director da Real Academia de San Fernando.

Se ben as obras máis coñecidas do autor son as esculpidas para Sevilla e Madrid,  Felipe, a pesar desta vida fóra da súa terra, nunca se esqueceu do sitio que o viu nacer. De aí que a seleccionada para esta lembranza sexa unha das pezas que fixo para Galicia: o San Xosé, de tamaño natural, que tallou para o convento do Carme en Padrón, unha das máis fermosas  que saíron das súas mans,  que desgraciadamente se perdeu nun incendio, e da que se conservan só fotografías. Sobre todo  interesante  por ser feita para  a vila de Padrón,  e porque Castro creou a imaxe do pai putativo de Cristo coa iconografía tradicional, mantendo os seus atributos inalterables: o bastón florido e o Neno no regazo, seguindo a tipoloxía  derivada do modelo andaluz que creara Alonso Cano, e que introduce en Galicia Benito Silveira co santo recollendo sobre un pano branco o Neno espido con ambas mans. Viste longa túnica e calza sandalias.

            É  importante sinalar que a iconografía deste santo varía co tempo, podendo falar de tres tipoloxías:  A creada por  Alonso Cano (é a seguida aquí por Castro). A derivada de Gregorio Fernández e Mateo de Prado, na que o tipo iconográfico se caracteriza por presentar a Xosé como pai  protector do Neno, que está ao seu lado, de pé, tratando de asirse a el, e onde o pai viste túnica curta que deixa ver as botas. E a que procede do círculo Gambino-Ferreiro que propoñen un novo tipo que alcanza  enorme difusión onde o Neno aparece sentado e sostido cunha man polo santo que, coa outra, se apoia na  vara florida. O santo viste túnica longa e calza sandalias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *