Dans la maison

dans la maisonMaría Xesús Blanco. Gocei moito a visión da película francesa Dans la maison (En la casa, 2012) do recoñecido director francés Francois Ozon. Galardoada con varios premios, como a Concha de Ouro na 60 edición do Festival de Cine de San Sebastián ou o Premio Cine Europeo 2012 ao mellor guión, interpreta unha historia brillante baseada na obra de teatro El chico de la última fila de Juan Mayorga. O argumento arrinca nun instituto francés onde un profesor de literatura, frustrado pola falta de interese dos seus alumnos e desencantado da vida en xeral, comeza a sentir curiosidade e fascinación pola habilidade para contar historias dun alumno solitario e pouco comunicativo. A través das redaccións que cada día escribe o pupilo e da relación de amizade que xorde entre eles, o espectador mergúllase nunha trama áxil e intelixente que o leva da realidade á ficción constantemente, ata o punto de que ás veces non sabe se o que está acontecendo é real ou froito da imaxinación do protagonista.

Dans-maison_ARAIMA20120929_0131_1Suspense, drama e humor mestúranse dun xeito maxistral nunha proxección cinematográfica atípica, que artella varias liñas argumentais, e na que as intencións dos personaxes semellan ser diferentes ás que amosan nun inicio convidándonos á reflexión sobre diferentes cuestións como aspectos da vida burguesa contemporánea, a educación, a hipocrisía e a banalidade intelectual e, dunha maneira principal, o poder da palabra e o misterio da creación literaria.

Cómpre salientar a magnífica interpretación de Fabrice Luchini e de Ernst Umhauer, nos papeis protagonistas do profesor Germain e o alumno Claude García. E tamén a de Kristin Scott Thomas ou Emmanuelle Seigner, na pel dunhas personaxes secundarias que zumegan emocións intensas e credibilidade. Todos eles bordan a evolución dunhas personalidades complexas que atrapan o espectador, en cada escena, en cada diálogo, dun xeito natural e inevitable.

Non deixen de vela. Dans la maison é, sen dúbida, unha película que seduce, que nos enreda dende o primeiro instante ata levarnos a un desenlace sorprendente e provocador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *