Pantasma nos Ancares

pita do monte 1Xosé Manuel Lobato. Non é unha situación nin acontecemento estraño, coma sempre por esta época chegou a branca pureza, amosando a súa fidelidade nos cumios dos Ancares, os altos do Mustallar ou Tres Bispos reciben cun aceno de complicidade as numerosas refoladas.

Adquire esta serra unha presenza maxestosa co seu branco resplandor, unha imaxe que irradia ventura e conquista, atraendo coma un imán nun estadio de neurótica paixón.

A chamada da capa de cándido brancor, semella irresistible para unha maioría, que ante a danza das folerpas exercitando unha beizón, acoden sen dilación para admirar tan espectacular exhibición.

Visualizar e participar dos Ancares, tinxidos de xélida albura é un espectáculo sublime no fío da ficción, que aquí coquetea cunha realidade ideal de afortunada beleza.

pita do monte 2No entanto, esta privilexiada e fermosa paraxe dos Ancares, con ou sen neve, dende hai tempo atrás, semella triste, desolada e desacougada, pois un dos seus moradores emblemáticos foi executado pouco a pouco. Unha actuación desafortunada e desastrosa para unha especie que só era culpable de ser presa de cazadores desapiadados e de tanta fermosura que atesouraba.

A pita do monte, na actualidade este bípede alado, que moraba por estas serras, foi relegado a unha imaxe na memoria dos vellos, mais coa neve hai quen asegura que regresa e deambula coma un espectro nas noites de luminaria preparando a súa danza nupcial.

Dende o Piornedo é doado inspirar a proximidade dun cortexo que, comeza entre os mares de néboa que asolagan estes cumes no marzal, o ritual chega puntual coa primeira chamada do alborexar, nese intre todo semella unha ilusión fantasmagórica.

O camiño vai entre árbores moi altos que, cando se portan fachucos acesos para orientarse, adquiren aspectos fantásticos… as sombras forman parte dun marco incomparable

pita do monte 3Escenario de xélido e denso brancor, exuberante exhibición de cor. / Un ritual de excitados sons, xorden espontáneos na conquista de corazóns. / Estalos, estalos e máis estalos deambulan no resón, na procura dun amor sen parangón.

Observadores nativos e foráneos axexan antes do clarexar inmersos nun latexar latente, todos eles ansiosos de visualizar a danza nupcial do gran polígamo, a pita do monte dos Ancares. Segundo os informes, desaparecida, porén aínda hoxe permanece fixada na memoria de todos aqueles que valoran a importancia de conservar sen condicións o medio natural e os seres vivos que nel habitan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *