Campaña de descrédito

parte norte da Porta de AlcaláFrancisco Ant. Vidal Blanco. Por se alguén non se decatou, estamos en plena campaña electoral. ¿E por que o sei? Pois pola cantidade de camións de chapapote, piche e cemento que circulan polas estradas. Pola cantidade de obras en rúas, prazas e beirarrúas que hai a un mes das eleccións. Di Xulio que se houbese unhas eleccións cada mes acadaríamos o pleno emprego. E o que non se explica é que se fixo en catro anos para que todos os amaños, presas e proxectos teñan que facerse a un mes vista. Pero o meu amigo tamén se pregunta cantas destas obras son por necesidade e mellora e cantas por adorno e propaganda.

Isto non é novo. Todos lembramos a un ministro de fomento que cada semana inauguraba unha travesa do AVE, e o AVE aínda non saíu do ovo. Xa hai anos que a miña veciña me fixo notar como antes das eleccións municipais, as empresas cementeiras póñense as botas botando capa sobre capa de formigón en todas as rúas, de maneira que, á volta de tres ou catro lexislaturas, aquelas casas que antes tiñan que subir un chanzo para entrar, agora han de baixalo. Non hai máis que dar unha volta por calquera pobo ou vila para ver como subiron as rúas e como baixaron as soleiras.

Lembro que hai anos puxérase de moda inaugurar a dous días das eleccións, monólitos e rotondas onde non podía faltar a placa do alcalde, a ser posible en bronce, agora substitúese pola roda de prensa con cámaras de televisión e planas enteiras con moita foto e pouco texto. ¿E sabedes canto custa unha páxina enteira de publicidade? Pois iso.

Hai catro anos, nunha das nosas  grandes cidades galegas, o goberno municipal apurouse a decorar a cidade con elementos que convertían as rúas e as prazas en verdadeiros xardíns, puxéronse medianas con moito verde herbáceo, habilitáronse viais para o autobús,  e a cousa gustáballe ós cidadáns, ó ver como con aqueles remedios o bus nunca chegaba tarde a xente camiñaba e miraba os escaparates en lugares por onde antes se pasaba en coche e a todo correr, pero a pesar diso aqueles perderon as eleccións, e os novos elixidos polo pobo, nada máis sentar no solio municipal mandaron desfacer todo o que trouxese á memoria o traballo dos anteriores, co que aquelas obras, en plena crise, custáronlle ás arcas municipais o prezo de facela e o de desfacela. 

Xulio di que algo así debería ser penado, xa como malversación ou como prevaricación. Agora mesmo, en todas as cidades e pobos polos que paso, as obras son unha constante repetitiva, ¿e van os novos grupos municipais que saían das urnas a desfacer todo isto que se está facendo?.

E se ben estas campañas de desprestixio son a cousa máis déspota e despilfarradora que podemos ver, comenta alguén que o colmo destas técnicas de descrédito ímolo ter en Madrid, na mesmísima capital, se sae gañadora dona Esperanza, a señora condesa consorte de Bornos, que por levarlle a contraria ó seu inimigo de sempre, a don Alberte, xa asegurou que non pensa pisar a nova sede do concello, o pazo de Cibeles, que el reinaugurou no seu tempo de alcalde. Non hai peor cuña ca do mesmo pau.

E tamén di Xulio que ante algo así, que unha persoa presente a súa candidatura facendo promesa de gasto e derroche por levarlle a contraria a quen sexa, xa debería ser citada polo fiscal correspondente. Pero así son as campañas de sempre, unhas de prometer e non dar e outras de arrasar co feito. Unha mostra indiscutible de que somos o país máis rico do mundo, porque temos para facer e desfacer as veces que faga falta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *