Un montón de enfermos

colesterolX. Ricardo Losada. Cando comecei a ter problemas co colesterol, o internista considerábame enfermo a partir de 260 mg/dl. Agora, de 200. Hai uns anos un amigo cardiólogo fíxome unha endoscopia para saber se a CIA que me diagnosticaran precisaba o cateterismo que me querían facer, e rexeitouno porque (cuestión de un milímetro) o burato era demasiado pequeno. Ante a miña inquietude, soltoume: «Tamén tes insuficiencias cardíaca e pulmonar, pero non vou receitarche nada, é culpa da precisión dos novos aparatos». «Pois non lle chames insuficiencia», díxenlle. «¿E como queres que lle chame?», retrucou. «Hai un colexio en EE UU», expliqueille, «no que aos suspensos chámanlles aínda non aprobados. Se dixeses que aínda non teño esas insuficiencias, entendería o mesmo, e preocuparíame menos?».

Saín daquel hospital coa moral bastante baixa, pero empeorou cando asociei aquel diagnóstico co famoso paradoxo de Eubulides. Con que número comezan varios grans de trigo a ser un montón de grans? Parece claro que, se dicimos un número, poño por caso 65, preguntariamos por que non 64, e se aceptamos 64, por que non 63? Pois coas enfermidades pasa o mesmo. che7Como pode depender dun milímetro un cateterismo? Por que con 199 mg/dl non me dan unha pílula para toda a vida e con 200 si? Pedinlle desculpas a Eubulides. O seu paradoxo sempre me parecera retórico e agora, de como o resolvese o internista, dependía que os meus bocatas de chourizo caseiro tornasen en macedonia de pílulas industriais.

Esa imaxe macedónica recordoume que o psiquiatra A. Frances di que as multinacionais farmacéuticas están conseguindo, coa colaboración da casta médica (baixo os requisitos para estar enfermos), que nos convertamos nunha sociedade de adictos ás pílulas. Non era o caso do meu cardiólogo, pero si o do meu internista. Entón decidín que a próxima vez que fose á súa consulta suscitaríalle o paradoxo de Eubulides. E prometín que como non me dese unha solución tan precisa como a da nova tecnoloxía médica, faríalle un corte de mangas aos dous tipos de colesterol, e volvería aos bocatas de chourizo caseiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *