Pintar a paisaxe

untitledAntón Riveiro Coello. Xosé Manuel Lobato Martínez (1958), natural de Boqueixón, doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, traballa como docente en Rianxo, colabora habitualmente en diversos periódicos (tamén no noso Café) e é autor de libros como Autoconcepto en hijos de emigrantes (2001), Diáspora.com 2002), Cos pés na peneira (2005), Retorno a Natura (2009), Máxico tear natural (2010) e As dúas ourelas (2012). Agora achega ás librarías Elos de cinza (Ézaro), unha interesante novela na que se cruzan varias historias que o autor usa para lle dar saída á súa imaxinación, ao seu coñecemento da paisaxe galega e, sobre todo, á súa prosa vizosa.

O relato dun avó, o legado herdado por unha saga familiar, a interpretación duns manuscritos nos que dorme un segredo do pasado, unha deusa destronada ou un engaiolante personaxe chamado Espírito Moura, son algúns dos vimbios cos que Lobato tece este libro que eu definiría insólito porque, malia todos estes personaxes, a protagonista principal é a Natureza, desta volta visualizada no mundo animal e na nosa paisaxe, nun entretecido de ríos, serras e montes que van dende o Pico Sacro a lugares tan afastados da Baixa Limia coma o Xurés, pasando pola Fonsagrada, o castro de Baroña ou as Dunas de Corrubedo, que fican máis preto de nós.

Xosé_M._Lobato_Martínez_(AELG)-3Este libro curioso e telúrico é en si mesmo un fermoso canto á paisaxe, ás lendas e á tradición. E o autor aproveita as páxinas para expresar o seu amor pola terra, pola lingua, polas súas serras, polos ríos e vales, polas lendas, pola transmisión xeracional dun herdo inmenso coma o noso. Unha preocupación que xa aparecía nas súas anteriores publicacións, en especial, no Máxico tear natural ou en Retorno a Natura.

Teño para min que Lobato é un estupendo paisaxista. Máis que escribir, pinta. Máis que lapis, usa paleta. E a verdade é que dá o mesmo por onde abras o libro. Calquera parágrafo préstase a ler en voz alta porque o seu é un galego eufónico, musical, cunha prosa que reborda un lirismo desmedido. E, xa digo, máis que o argumento ou a historia en si, o que me interesa deste Elos de cinza son esas inspiracións que fan que o libro estea máis preto da poesía que da propia narrativa ou do que se vén entendendo por novela convencional.

Un libro diferente, a xeito de fábula, para lermos en voz alta, para amarmos aínda máis a nosa lingua, a nosa paisaxe, as nosas lendas, a nosa tradición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *