Gonzalo Trasbach. …Se o coñecesen tan ben coma min si porque antonte estaba esborranchando algo coma unha carta cando entrei na saliña por mistos para ensinarlle o da morte de Dignan no xornal coma se algo mo tivera avisado e el tapouno co secante facendo coma que pensaba en negocios así que moi probablemente iso era para algunha que se imaxina que o conquistou porque todos os homes póñense un pouco así a súa idade especialmente para os corenta como el… É este un pequeno corte (traducido por un mesmo) do último capítulo do Ulises, que consiste nun longo monólogo interior sen puntuación que reflicte os pensamentos de Molly, a muller de Leopoldo Bloom, un dos personaxes centrais do afamado libro de James Joyce, que se editou por vez primeira en 1916. E coñecido que Ulises é o relato do que pasa durante unha xornada na cidade de Dublín: 0 16 de xuño de 1904. Cúmprense, así pois, hoxe 111 anos, unha data e unha efeméride que se revive cada ano cun feixe de actos culturais, con procesión polas rúas, prazas, lugares e bares que se citan no texto do xenial escritor irlandés. É o que se deu en chamar o Blooms Day. E esta é a miña maneira de participar nel.
Como lembrarán os que o teñan lido, a odisea arranca ás oito da mañá fronte ás augas de Sandycove, nas aforas da cidade, e remata coas primeiras horas da madrugada do 17, no cuarto de Molly Bloom, amante de Blazes Boylan e muller do cornudo Leopoldo. O libro ábrese, pois, na Torre Martelo, unha fortificación militar situada na hoxe turística zona costeira cerca da capital de Irlanda, onde viven Buck Mulligan, repoludo estudante de medicina, Stephen Dedalus, quen xa levaba a voz principal no Retrato do artista cando mozo, e un inglés de Oxford, chamado Haines. O outro personaxe principal, que durante a peregrinación toparase con Stephen Dedalus, é Leopoldo Bloom. Ten 38 anos, é xudeu e traballa de publicista. Está casado con Molly. Ten unha filla chamada Milly de 15 anos e que está vivindo en Mulniger. O matrimonio tamén tivo un fillo, pero morreu de pequeno.
Aínda que se cruzan ou ven un par de veces durante o periplo, o certo é que o encontro entre Bloom e Dedalus non se dá ata pola noite cando coinciden no bordel Bella Cohen, onde empeza o regreso á rúa Eccleston, onde está a casa de Leopoldo e Molly, baixo a noite estrelada de Dublín. Tras rexeitar Stephen a invitación a quedar e logo de mexaren xuntos no xardín, Leopoldo sumiuse na contemplación do fermoso espectáculo que ofrecía o ceo, no que destelaban miríades de corpos celestes. Logo subiu ao cuarto matrimonial, deitouse no sitio no que xa estivera o amante da súa muller, a quen lle bicou as cachas con fruición.
E aí comeza o peche do libro, talvez o que máis veces visitei na miña vida. O monólogo interior de Molly Bloom está ateigado de insuperables momentos poéticos, pero tamén cosido de fetichismos, de fantasías, masturbacións, sexo oral… e todo dito de xeito desenfadado, e sen o máis mínimo sentimento de vergoña. O feito de que remate cun Amén, cun Si con maiúsculas fala para min de darlle un sentido pleno a vida: si, quero esta vida tal e como a teño vivido, pero tamén fala dun sentido afirmativo da morte, da chegada do irreparable.
Para botarlle o peche a este curto paseo polo libro, quero dicir que Joyce conseguiu con esta e outras obras súas voltear unha situación complexa. En vez do enfrontamento directo, elixiu a infiltración e pode que tamén a sedución. El era irlandés. Sabía das traizóns entre os seus. Era así mesmo consciente do dominio inglés sobre a súa terra e a súa xente. E logo actuou en concordancia con esa premisa. Adoptou un táctica ou estratexia: canibalizou o idioma do dominador. Arrebatoullo ao conquistador, a súa mellor arma: a súa lingua e a súa literatura para usalas con máis mestría que el mesmo.