Galicia e os galegos na poesía castelá I: Dionisio Ridruejo

dionisio 3Román Arén. Ben se sabe que a imaxe de Galicia e os galegos é, maioritariamente, negativa na literatura castelá, en prosa e en verso, dende o século XVI até ben mediado o século XIX e que iso aínda perdura no século XX e aínda hoxe, aínda que xa non tan brutalmente. Quen o queira comprobar pode acudir a un libro moi útil, A imaxe de Galicia e os galegos na literatura castelá (1993), de Xesús Caramés Martínez. No desprezo de Galicia conflúen motivos históricos, sociais, lingüísticos e políticos.Mais tamén é verdade que, sobre todo dende a metade do XIX, moitos poetas casteláns cantaron en positivo sobre Galicia (Campoamor, Ruiz Aguilera, Núñez de Arce, o Duque de Amalfi), aínda que a miúdo recorren a tópicos (con base na realidade) como a chuvia, a gaita, o hórreo, o carballo, a néboa, a paisaxe verde… E un capítulo fundamental no repertorio de cantores de Galicia é o dedicado a Rosalía de Castro, con centos de composicións.

Un pouco ao chou e remexendo nos meus papeis, farei unha viaxe por esta poesía castelá dedicada a Galicia. E comezarei por Dionisio Ridruejo (Burgo de Osma, 1912-1975), un poeta e prosista da Xeración do 36, que foi na guerra civil e na primeira posguerra escritor moi importante entre os que apoiaron a Franco (con Rosales, Vivanco, Diego, Leopoldo Panero), pero que logo foi deixando esa militancia e acercándose a posturas democráticas. dionisioMáis apreciado como político e prosista, mereceu unha boa biografía escrita por Jordi Gracia. Subdirector de <Escorial>, combatente na División Azul, confinado por Franco en Ronda, é un poeta ás veces áspero, de bo dominio formal, quizais demasiado retórico nos primeiros libros, dende 1960 foron aparecendo as compilacións das súas poesías. En 1935 publicou Plural; en 1939, Primer libro de amor, e logo Poesía en armas (1940), Fábula de la doncella y el río (1943), Sonetos a la piedra (1943), En la soledad del tiempo (1944), Elegías (1948), En once años (1950), Hasta la fecha (1960), Cuaderno catalán (1966), Casi prosa (1972).

Moi relacionado cos galegos de Franco, dedicou poemas a Torrente Ballester e a Eugenio Montes, mais tamén ao ditador. Reprodúzovos “A Santiago de Compostela”:

Aquí vence la piedra enraizada/en hogueras de hierba que se abate,/y del negro sudor de su combate,/no sin quebranto, resplandece alada./Paz, pero rigurosa y conquistada,/ganando altura libre y fiel remate/y ardiendo el agua en pugna donde late/la fe paganamente enamorada./Claridad entre el ansia y la agonía,/delirio pero en cánones cerrados;/isla de Cristo en la melancolía/de flores tercas y ángeles posados./Constelación extrema de la Vía/con los sueños del Orbe cincelados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *