Educar en réxime aberto

profe0X. Ricardo Losada. Pídeme Ana Rivas, a coordinadora, un artigo fin de curso para unha sección dixital da biblioteca do meu instituto chamada Scripta manent. Pregúntolle se pensou nalgún tema en particular e dime que lle gustaría que escribise sobre o meu estado de ánimo. Ela non o sabe, pero dez minutos antes estiven preparando unha actividade de clase (unha especie de remuíño de ideas sobre diferentes frases) na que aparecía esta sutil sentencia de Voltaire: “O remorso é a única virtude que lle queda ao culpable”. Pois así me sinto cada fin de curso. Culpable, e con  remorsos. Non vou explicar agora a razón, pois acabaría falando de leis educativas, informes PISA e mitos fineses. Pero creo que calquera persoa que traballe con nenos e adolescentes, e crea que educar é ampliar as posibilidades dunha vida mellor (persoal, intelectual e profesional) dos seus alumnos, sobre todo dos menos afortunados na lotería xenética e familiar, debera ter ese sentimento.profe1 Por moito que cumpras co teu traballo, por moito que intentes dignificar a cotío a túa profesión, a sensación final é sempre de fracaso. Cantos alumnos quedan no camiño, cantos non dan o mellor de si, cantos só están preocupados por ser traballadores, consumidores e contribuíntes.

     Recordo que nada máis saber que aprobara a oposición a profesor, sentei nun banco do instituto Torrente Ballester de Pontevedra, e mirando en fite o silencio estival dos corredores, pensei que ía traballar ducias de anos en centros como aquel e que tiña que facer todo o posible por realizarme e ir todos os días ao traballo con bo ánimo. Conseguino, e o meu maior desexo é seguir así ata que me xubile. Tampouco vou explicar agora como fago, entre outras moitas cousas, porque non creo nas receitas pedagóxicas, e só me considero un referente para min mesmo. Só direi que desde o principio tiven claro que se quería ir contento ao instituto todos os días debía evitar cantar aquilo que cantan moitos presos, sobre todo os culpables, nos cárceres de todo o mundo: “Teño a pena do inocente / que triste me sinto todo o día…”. Creo que esa é a primeira decisión que debemos tomar os profesores. profeConsiderarnos inocentes (a culpa é dos alumnos, dos pais, dos inspectores, dos políticos…) e pasar os días queixándonos coa tristeza de quen sendo inocente vive preso no cárcere dun centro educativo, ou considerarnos culpables. Eu decidín considerarme culpable, e vivir con remorsos, e iso dáme unha alegría inmensa. Tampouco vou explicar por que. Hai cousas que só entende o olfacto e unha experiencia de moitos anos. É máis fácil entender que se me crese inocente iría ao instituto amargado, e agardando que tocase ese último timbre da mañá que permite saír á rúa a centos de presos en réxime de semiliberdade.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *