Un bosque gaélico

antoloElisa Lobeira. Carme Rodríguez Alonso vén de publicar en Trifolium, na colección Musa pedestris, Un bosque novo. Antoloxía da poesía gaélica contemporánea (2015), en edición bilingüe e con prefacio de Manuela Palacios. Un bosque gaélico para tender pontes con outra cultura minorizada, que converte en “estranxeiros na propia patria” os falantes do gaélico. A escolma inclúe trece poetas contemporáneos, de Máirtín Ó Direáin a Celia de Fréine. Da poesía da terra, da nostalxia do edén, do paraíso perdido (cando todos falaban gaélico?) á contemporaneidade sen complexos, en diálogo con outros de sorprendente modernidade. Acertadamente lembra a prologuista que a Xeración Nós dialogou con Irlanda, pero coa Irlanda que falaba inglés (Joyce, Yeats, Synge) non coa xenuina Eirín. E lembra con xustiza a Pearse Hutchinson (1927-2012), políglota que traduciu a Rosalía, Curros, Celso Emilio, Ferrín, Chus Pato e outros poetas galegos. Lembra tamén que Celia de Fréine (1948) traduciu a Xohana Torres e inclúe estas versións en Aibítir Aoise (2011).

Seán Ó Ríordáin
Seán Ó Ríordáin

Os outros poetas antologados son Seán Ó Ríordáin, Maire Mhac An Tsaoi, Mícheál Ó Hairtnéide, Caitlín Maude, Gabriel Rosenstock, Liam Ó Muirthile, Nuala Ni Dhomhnaill, Cathal Ó Searcaigh, Louis de Paor e Michael Davitt, un dos líderes do movemento INNTI, fundamental na recuperación do gaélico e co-fundador da revista homónima, con influxos que van de Cummings a Dylan, en tensión sempre co propio gaélico. Cando falamos de diálogo con outras culturas, en realidade non falamos diso, senón de “altas culturas” (clásica, anglosaxona, francesa, alemá…) e non de diálogo coas outras culturas “periféricas” coma nós. Un acto de soberbia? Quizais de complexo de inferioridades? Os diálogos “entre culturas periféricas” é básico para a supervivencia destas e para rachar coa inxustiza. O contrario é repetir erros dos sistemas que xa están institucionalizados. O que non impide dialogar con sistemas “fortes” para anovar e non ficar presos do “deja vú”. É a forma de crear transversalidade máis útil (Quizais o artigo de Harrington no último número de <Grial> sexa digno de tomarse en conta, aínda que sexa discutible).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *