Dar compulsivamente a paz

pazX. Ricardo Losada. Só asisto a cerimonias relixiosas (bautismos, vodas, funerais) cando os protagonistas son familiares ou amigos moi próximos, pero non participo do ritual católico máis alá de sentarme e levantarme cando corresponde. Aínda así, debo recoñecer que hai unha cousa que me gusta. Ese rito no que o crego di Dádevos fraternalmente a paz, e os fieis viran a esquerda e dereita, atrás e adiante, para darlles a man a outros fieis. Teño comprobado que hai unha casuística moi variada, desde os fieis que dan a paz por inercia ata os que a dan con empatía, desde os que poñen un sorriso descrido ata os que iluminan o rostro, desde os que non llela dan a ninguén ata os que llela dan aos que están varios bancos máis atrás. Mesmo teño constatadas regularidades tan curiosas como que nun funeral o número de paces aumenta en relación inversamente proporcional á idade do defunto.

     Hai a quen lles parece un ritual moi hipócrita. Eu creo que se equivocan por non ver o rito da paz como o que realmente é, un acto teatral. E, se é teatral, non pode ser hipócrita. A ninguén se lle ocorrería chamarlle hipócrita a Sean Connery cando di nunha película que é James Bond e que vai salvar o mundo. Cremos o que di e estamos dispostos a ir con el ata o final, cando menos, da película. O mesmo me pasa a min cos dadores de paz. Créoos, e estou disposto a ir con eles ata o final, cando menos, da misa. abrazoDirei máis. Considero revelador da deriva moral que estamos vivindo criticar ese xesto de paz e gabar esoutro dos futbolistas de non celebrar os goles que lle marcan a un ex equipo. Iso si é hipócrita, co agravante de que reprimir a alegría xera frustración e violencia, mentres que simulala, como no rito da paz, aumenta a cantidade de neuroses, pero ese tipo de neuroses, como crer que só temos un eu, sen as que os seres humanos non sabemos vivir.

     Non o dubidedes. O rito da paz é unha das mellores maneiras de aprender algo esencial para a convivencia humana. Que un pode ser sincero nas súas crenzas sen ser coherente nos seus actos cotiás. Un pode crer sinceramente en Xesús e ser na súa vida persoal un soberbio e un materialista, un pode crer sinceramente en Marx e ser un clasista e un explotador. A maioría de malentendidos, incomprensións e manipulacións que se dan entre os seres humanos veñen de non telo en conta. Non é o caso da igrexa católica. Todo o seu maxisterio se basea nese principio. E niso, como noutros moitos aspectos, o papa Francisco está demostrando unha maior intelixencia que o seu antecesor. Bieito XVI intentou transmutar o rito de paz nun rito de felicitación (vodas e bautizos) e nun rito de condolencia (funerais). Sería un erro letal para a igrexa católica. Para felicitacións xa están os aniversarios, e para condolencias, os tanatorios. Francisco sábeo, e renunciou a transmutar o ritual da paz. Só pretende facelo máis sobrio, xa que, tal e como se está celebrando hoxe (xa se dan bicos, apertas e mesmo hai movementos de masas) provoca un barullo e unha confusión impropios dunha misa católica. Doulle toda a razón. Actuar, non, pero sobreactuar si é hipócrita.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *