Antón Riveiro Coello. Hai libros prescindibles e outros que se fan necesarios. En determinados momentos, alguén ten a inspiración ou detecta esa falta. Tal é o caso d’A identidade fascinada de Antonio Piñeiro, unha emotiva homenaxe aos anos universitarios dos oitenta en Compostela, vividos por esa xeración nacida nos sesenta, que ocupou a cidade para estudar e tamén gozar desas noites sucesivas e desa ansia de liberdade, a primeira xeración do pracer propiamente dita. Moitos dos que formamos parte dese desembarco masivo en Compostela, non tivemos a sorte, por idade, de vivir a experiencia política dos anos setenta, pois cando Franco morreu apenas eramos uns nenos. Para nós non estaban reservados anos de loita política, senón un tempo de diversión, consumo e Movida que aproveitamos con todo o entusiasmo da nosa mocidade. Por iso, os que de primeira man coñecemos esa época compostelá, somos protagonistas activos d’A identidade fascinada, que é, sen dúbida, un exquisito percorrido polos lugares da emoción e, alén da saudade deses momentos, abrangue un punto de comprensión para eses espazos de pracer e neon onde compartimos tantos soños.
Estamos diante dun libro ben curioso (novela a xeito de ensaio, ou ensaio novelado), no que o autor de Ribeira, cun fraseo lírico de altura, nos devolve eses anos coma unha alucinación, e lemos con gozo coma se estivésemos baixo os efectos etílicos dun daqueles cubatas de vaso que consumiamos apoiados na “fascinación da barra” do Número K, da Ofissina, de La Bolera ou do Modus Vivendi. Antonio Piñeiro fai unha enumeración exacta deses locais onde gastabamos os soños, onde socializabamos, onde comentabamos as clases do Margarito ou onde lles faciamos as beiras ás noites sucesivas. Cun adxectivo é quen de radiografar un local, unha época, unha ilusión colectiva ou unha “noite vertida nun vaso”. Fai brillar a rutina universitaria no “taca-chas taca-chas” dunha fotocopiadora ou no son dunha campá. Todo o libro é un mosaico de sensacións: a descuberta da literatura, da filosofía, da política, do amor, da cidade, do “cuarto confuso”… e acerta de cheo póndolle o ramo co estrondo da sala Clangor, pechando así unha época de fascinación e pracer, onde se perfilou a nosa identidade, onde nos descubrimos nos outros, na paixón dun bico, nun fracaso, nun suspenso, nun gin tonic ou nun concerto de Antonio Vega.
A identidade fascinada é, xa que logo, un marabilloso agasallo non só para os que vivimos eses anos, senón tamén para quen desexe imaxinar como era a Compostela universitaria dos oitenta. Paga a pena.