Arthur e George, de Julian Barnes

arturInés Otero. Arthur é un médico cunha infancia condicionada pola conduta dun pai confundido entre o alcol e as mulleres. George, fillo do vigairo dunha vila inglesa, é un avogado de orixe parsi que traballa nun bufete de Birmingham. Ante o fracaso da súa consulta, Arthur estabelecese como oftalmólogo. Por culpa dunhas sibilinas acusacións, George Edalji  é acusado de matar varios animais do seu condado. Mentres Arthur, é dicir, sir Arthur Conan Doyle, se converte nunha celebridade internacional grazas ao detective Sherlock Holmes, George, un ser solitario e traumatizado, é condenado a sete anos de traballos forzados.

Arthur e George, coma se fose unha crónica xornalística, está contada en capítulos nos que se alternan a vida destes dous homes. Na primeira exponse a orixe e personalidade deles. Na segunda cóntanse os delitos cometidos na rexión rural de Great Wirley. Na terceira prodúcese o encontro entre Arthur Conan Doyle e George Edalji. Finalmente, na cuarta parte, coñecemos o desenlace desta historia que tería consecuencias importantes no Dereito anglosaxón, como a creación do Tribunal de Apelación Penal.julian-barnes-2007-3 Á marxe da repercusión que tivo no seu día este controvertido asunto, na obra desenvólvense outros temas: o sentimento de culpa e de inocencia, a xenofobia imperante na época eduardiana, os  problemas que poden ocasionar sobre as sentenzas xudiciais os malos hábitos da policía e as rexoubas da prensa sensacionalista. E tamén o contraste que nos ofrece Julian Barnes da sociedade a través das diferentes concepcións que teñen sobre a vida os protagonistas desta sorprendente novela –traducida para Rinoceronte Editora por Xesús Fraga– que emprega cartas, informes e crónicas dos xornais para documentar doadamente a realidade do sucedido.

Curiosas as observacións que realiza Conan Doyle sobre as responsabilidades dun escritor: “primeiro, debe ser intelixible; segundo, interesante; e terceiro; intelixente”. Sen dúbida, uns axeitados consellos.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *