A espiritualidade hipnótica de A Love Supreme

a love supremeGonzalo Trasbach. É acaso unha falsidade dicir que hai unha referencia e autorreferencia a unha dimensión transcendente ou relixiosa na arte dende as covas de Altamira até Ribera ou Bill Viola? E que podemos dicir da música? Acaso a música e o metafísico e o sentimento relixioso ou mesmo o místico, non teñen sido sempre virtualmente inseparábeis? Algunha vez teño escoitado que é un tópico todo o que poidamos comentar a calquera ser humano a quen a música conmove ou a quen a considere dadora de vida. E isto talvez sexa así porque a música soborda de significados que non se traducen en estruturas lóxicas ou en expresións verbais. Acaso non é certo que a música aporta ás nosas vidas cotiás un encontro inmediato cun territorio que nada ten que ver co da razón?

Nese senso tense dito que foi dende hai moito tempo a teoría non escrita de todos aqueles que rexeitaron todo credo formal.Se nos preguntamos de qué trata a música e qué significa, non o sabemos explicar. É coma se a linguaxe non puidese dar conta dese sentimento que nos desborda. E coma se só puidésemos farfallar unha aproximación, mediante parábolas, metáforas, …Como expresar o grito cego da carne e tamén a oración do animal que todos levamos dentro? Talvez ocorra isto porque a música é anterior á linguaxe, como din que sostén a antropoloxía filosófica.

coltrane1En calquera caso, sexa como fose, sexa ou non certo o antes exposto, todo o que relatamos os que acostumamos a escribir, os que facemos comentarios sobre discos, melodías ou composicións musicais, non é máis que pura verborrea. E todo isto vén a conto porque o disco do que queremos falar, coma tal vez non o faga ningún outro, responde claramente a todo apuntado nos primeiros parágrafos: A Love Supreme, de John Coltrane. Gravado en decembro de 1964, pero publicado no 1965, hai agora, pois, 50 anos, xusto dous antes da morte do autor, que acababa de cumprir 40.

Considerado o cumio do jazz moderno, o álbum, envolto nunha bruma de indubidábel e hipnótica aura espiritual, talvez dun innegábel e profundo sentimento relixioso e mesmo un certo sabor místico, está dividido en catro movementos, como se se tratase dun concerto clásico: Acknowledgement (confesión), Resolution (propósito), Pursuance (cumprimento) e Psalm (oración). Pero a xénese da obra remóntase a moitos anos atrás. Trane, tal como lle chamaban os seus compañeiros, formaba parte do grupo que lideraba Miles Davis. Pero este expulsouno no 56 por darlle demasiado ao alcohol e ao cabalo. Coltrane regresou á casa paterna, en Filadelfia, para curar o mono. Durante este tempo buscou referentes espirituais en África e en Oriente. E foi cando viviu o que el mesmo denominou “unha experiencia espiritual”, unha epifanía, un acontecemento, que significou un punto de inflexión na súa carreira, e que o levou a modificar a súa conduta anterior: volveuse crente. A Love Supreme é a revisión musical daquela experiencia vivida anos atrás.

coltrane2O traballo xerou unha enorme onda expansiva. Mesmo os máis fanáticos dos seus seguidores chegaron a dicir que Coltrane tiña firmado un pacto con Deus, quen lle pediu a composición a cambio de vencer o mono. Máis que santería ou mantras orientais, outros só viron no álbum unha volta a Nova Orleáns, ao berce do jazz, ao sentimento de liberdade e á musica na rúa. Aínda sendo unha obra absolutamente persoal, o carácter nada autoritario de Coltrane quixo dar protagonismo ao cuarteto formado xunto a McCoy Tynar (piano), Jimmy Garrison (Bajo) e Elvin Jones (batería).

Durante a gravación, que tivo lugar o 9 de decembro do 64, Trane, que cospe notas coma unha locomotora co seu saxo, fixaba unha tonalidade e sobre ela cada un dos seus músicos tiña a liberdade de improvisar sobre as súas notas. Se un arrancaba, o outro respectábao até atopar un oco por onde introducir as súas improvisacións. Pretendía que os seus músicos, puntuando as súas notas, o levasen até alcanzar o clímax hipnótico para ofrenda de “grazas a Deus”. Escoitando A Love Supreme pódese coincidir con Leibniz cando afirmaba: <A música é unha aritmética secreta da alma ignorante do feito de que está calculando>.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *