Loreak, de José María Goenaga e Joan Garaño

loreak-floresInés Otero. A vida de Ane, unha traballadora vasca, vese afectada cando recibe un ramo de flores na súa casa. Un agasallo algo desconcertante, malia que se trata dun luminoso presente, porque se repite varias veces e sempre de maneira anónima. E sempre un xoves. A vida doutras dúas persoas, Lourdes e Tere, tamén se ve condicionada pola aparición dunhas misteriosas flores nun lugar que elas visitan con certa regularidade.  Os tres personaxes son xente corrente, mulleres afanadas cos seus traballos e con soportar sobre as súas costas as feridas que lles deixou a vida, algunhas sen cicatrizaren e que comezan a supurar de novo cando un elemento estraño, uns sinxelos ramos de flores, lles altera os seus hábitos rutineiros. Semella que viven nunha fronteira que teñen medo de traspasar. Un crebacabezas que deben ordenar para que as súas vidas cobren sentido, pero non é doado, e precisan indagar para que as sombras que pairan sobre a súas cabezas as deixen de asexar.

loreak 2Así é o argumento desta película que camiña cara aos Óscar. Un drama rodado integramente en éuscaro e que representará o cine español nos premios da Academia de Hollywood. A primeira vez que isto sucede nun idioma que non sexa o castelán. Pa negre, de Agustí Villaroga (2010), tiña  a meirande parte dos seus diálogos en catalán, pero respectaba a idiosincrasia da época da posguerra na Cataluña rural, onde os  policías falaban en castelán. Secretos del corazón, de Montxo Armendáriz (1998), só incluía algunhas palabras en éuscaro. Loreak xa tivo dúas nominacións aos Goya 2014, como Mellor Película e Mellor Música Orixinal. Agora espéralle unha forte competencia para acadar o éxito que merece este emocionante drama intimista sobre  a dor da perda, e sobre o consolo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *